Friday 22 de November de 2024

O Xestal será lembrado na parroquia onde viviu cunha escultura de madeira realizada con motoserra


Entre as numerosísimas actividades que se están a levar a cabo neste Ano do Xestal, dentro do programa Eu quero Razo-Baldaio vén de rematar a elaboración dunha escultura de Carlos Díaz Gestal realizada polo coñecido artista Yosi, que leva facendo tallas de madeira con motoserra desde o ano 2008 e atesourando numerosos premios polo seu excelente traballo.

A elaboración da escultura, para a que se utilizou un tronco de 80 centímetros de diámetro e dous metros de alto, espertou moitísima expectación. O tronco foi doado por un veciño de Pardiñas, que quixo amosar deste xeito o seu recoñecemento e aprezo polo Xestal. Yosi estivo traballando durante os tres últimos días en Razo, a parroquia onde repousan os restos do Xestal, pero a escultura terá o seu emprazamento definitivo na veciña parroquia de Lema, onde Carlos Díaz viviu durante vinte anos. O acto de inauguración levarase a cabo o 8 de agosto, coincidindo co 90º aniversario do seu nacemento.
O obxectivo do Ano do Xestal é poñer en valor unha figura que marcou o mundo do espectáculo en Galicia. Carlos Díaz foi o artista líder en vendas de discos non musicais. Os seus contos percorreron o mundo e convertérono nun fenómeno de masas. Pero tamén destacou polo se traballo no eido musical, como cantante e, sobre todo, pola recuperación de pezas fundamentais como a Marcha do Antigo Reino de Galicia; nos medios de comunicación, sobre todo na radio e na televisión, onde popularizou o famoso Apaga o candil e converteuno no himno do programa Luar da TVG. O Xestal foi tamén un home comprometido coa defensa da terra, estivo na primeira liña da loita pola recuperación de Baldaio, e sufriu a represión ao ser acusado inxustamente como castigo pola súa homosexualidade.

A ofrenda floral que se realizou na súa tumba, en Razo, no seu 30º cabodano; o traballo de recuperación da súa memoria realizado durante o curso nos centros escolares, que culminou coa interpretación conxunta de Apaga o candil na Praza do Concello; a publicación do libro Os contos das risas serias, que estará a disposición da veciñanza nos vindeiros días nas dúas bibliotecas, ata fin de existencias, e do caderno de pasatempos A píllara das dunas, que tamén podedes recoller de balde nas praias; o mural da escola de Bértoa, ao pé da rúa que leva o seu nome, ou a recente inauguración do Xardín do Xestal son algunhas das moitas actividades que se lle dedicarán neste ano. A próxima será a inauguración da escultura.