“Monte Neme, o olimpo bergantiñán”, do Instituto de Estudos Bergantiñáns, e “As malas mulleres”, de Marilar Aleixandre, foron os títulos máis demandados
Hai unha semana estabamos a celebrar unha das mellores edicións das dezaseis que leva xa a Praza dos Libros de Carballo. E despois de recompilar os datos das enquisas aos libreiros e as libreiras, as valoracións dos autores e autoras participantes e as impresións do público, chegou o momento de compartir con vós o balance desta plic!.
Os grandes obxectivos da Praza dos Libros son animar á lectura e fomentar a literatura galega. Obxectivos cumpridos, porque batemos un novo récord de vendas ao superar os 1.300 exemplares e, ademais, a literatura galega saíu reforzada ao acaparar o 60% das vendas.
Como é habitual, entre os títulos máis vendidos destacan os libros presentados na feira. É o caso de Monte Neme, o olimpo bergantiñán, a última obra coral do Instituto de Estudos Bergantiñáns, que se sitúa no máis alto con case medio cento de exemplares, seguido de As malas mulleres, de Marilar Aleixandre. Escola de mulleres, Querida Paula e A urna das cartas foron outros títulos galegos ben acollidos polo público. As vendas en castelán destacaron pola variedade de títulos, sobre todo de novela e de literatura infantil e xuvenil.
Ao éxito de vendas súmase o de asistencia ás actividades programadas, tanto literarias coma musicais, que encheron os catro días da plic!, un aspecto que destacou tamén a concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, ademais de aludir expresamente á presentación en sociedade da Escola de Regueifa de Carballo, promovida desde o Servizo de Normalización Lingüística, cunha excelente acollida por parte do público. E todo en perfecta harmonía co mercado do xoves e a feira do domingo, que unha vez máis volveron a integrarse entre as casetas dos libreiros, as mesas dispostas para as sinaturas dos autores e os obradoiros infantís, que tamén os houbo.
Ao longo dos catro días realizáronse unha trintena de actividades, incluído o pregón de María Lado. O xoves e o domingo, precisamente coincidindo coas feiras, foron os días de maior afluencia, como demostra o feito de que tanto as latas de atún Calvo do primeiro día coma os moletes de pan do último se esgotaran en case todas as casetas. As tarxetas-rasca con premios directos tamén tiveron moi boa acollida.