A farmacia levaba 45 anos na ubicación actual, e tan só unha semana despois de pasar a un novo propietario o 21 de decembro do 2022, solicitou o traslado a unha nave no Castiñeiriño, onde xa hai 5 farmacias.
O PSdeG levará ao próximo pleno unha moción para instar á Xunta de Galicia e ao Colexio de Farmacéuticos a estudar a solicitude de traslado para paralizar a operación.
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2023. “O que aparentemente estamos vendo é que por intereses puramente empresariais, os veciños e veciñas de Marrozos quedarán desatendidos co peche da farmacia da zona, para ser trasladada a unha nave industrial no Castiñeiriño, onde xa hai ata 5 farmacias” denuncia Gonzalo Muíños que anuncia unha moción que levarán ao próximo pleno -o primeiro ordinario da nova corporación-, para instar á Xunta de Galicia e ao Colexio de Farmacéuticos a estudar a solicitude de traslado para paralizar a operación.
O portavoz dos socialistas explica que foi tan só unha semana despois de adquirir a farmacia de Marrozos, que leva 45 anos no lugar actual, cando o propietario solicitou o traslado de ubicación do negocio a unha nave industrial do Castiñeiriño. Con esta operación recalca que ata 6.000 veciñas e veciños poderían chegar a verse afectados, xa que esta botica presta servicio tamén á veciñanza do Eixo, de Aríns, de San Breixo de Sergude, en Boqueixón e San Xián de Sales e San Fins de Sales, en Vedra.
Precisamente o calendario desta operación, explica Muíños que é o que “nos fai sospeitar que a estratexia do comprador é facerse cunha farmacia a baixo custe e solicitar inmediatamente o seu traslado”. Así as cousas, na moción reclaman ademais á concellaría de Urbanismo a trasladar ao pleno da Corporación un informe sobre a situación urbanística da nave en cuestión: “deberá estudarse se a nave reúne as condicións para a apertura dunha farmacia, toda vez que se trata dunha nave industrial situada ao carón da estrada na rúa do Outeiro do Castiñeiriño”.
Recordan os socialistas que segundo a Lei 3/2019 de 2 de xullo de ordenación farmacéutica de Galicia sinala no artigo 41 que “non se autorizará o cambio de ubicación cando, de ser autorizado, se producira un detrimento grave do servizo farmacéutico na zona na que se sitúa a oficina de farmacia”. Algo que, denuncian, é o que ocorrería con esta operación.
Oposición veciñal
Precisamente os propios veciños, desde a Asociación Francisco García Beiro xa amosaron a súa preocupación ante este traslado do que é na actualidade o único despacho farmacéutico da zona. E é que, segundo explica Muíños, as persoas maiores que eran usuarias desta oficina “que agora só tiñan que andar 100 ou 200 metros para recoller os seus medicamentos”, veranse obrigados a percorrer “ata 5 quilómetros para acudir a Lestedo ou ao Castiñeiriño”.