Friday 22 de November de 2024

A Coruña acolle hoxe e mañá unha nova edición da 3X3 Series de baloncesto


A partir desta tarde competirán na explanada de Riazor 16 equipos masculinos e 10 equipos femininos, con destacadas figuras do circuíto nacional

A Coruña acolle este venres e sábado o 3X3 Series A Coruña Open de baloncesto. A cita, que chega á cidade por segundo ano consecutivo, terá lugar na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor e congregará a algunhas das grandes figuras desta disciplina do circuíto nacional.

O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou a competición acompañado, entre outros, polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e o ex xogador da Selección Española de Baloncesto e embaixador da FEB, o coruñés Fernando Romay. Tamén asistiron José Coelo, directivo da Federación Galega de Baloncesto, e Manuel Pérez, xefe de proxecto de Madison. “Esta é unha cita moi especial para a nosa cidade porque na Coruña o baloncesto ten nomes e apelidos, como os de Fernando Romay”, sinalou Castro.

Este circuíto 3X3 Series encara a súa recta final na cidade, que repite como sede tras a boa acollida da edición do 2022, desenvolta no paseo do Parrote. A presentación da competición tivo lugar nas mesmas canchas que acollen desde esta tarde os enfrontamentos entre os 16 equipos masculinos e 10 equipos femininos que se presentan á cita. Trátase da última data do torneo con carácter Open, antes do desexado Máster Final. Por tanto, os participantes loitarán por asegurar unha praza para a fase final, que se disputará en Tenerife.

Na Coruña participarán algunhas das grandes figuras desta modalidade de baloncesto. Estarán presentes profesionais como Nacho Martín o Guille Mulero, xogadores do Básquet Girona e Azuquena 3×3, ou a internacional española de 3×3, Cecilia Muhate, que debuta neste circuíto tras os seus compromisos coa Selección. “A Coruña volverá revivir grandes momentos, como xa se viu o pasado 2022, con gran afluencia de público e enfrontamentos de nivel durante as dúas xornadas”, apuntou Gonzalo Castro.

A xornada de hoxe comezará coa disputa das fases de grupos masculina e feminina, que se desenvolverán entre as 17.20 e as 22.20 horas. A competición reanudarase este sábado ás 09.00 e está previsto que remate a primeira fase ás 11.20 horas. Os cuartos de final serán a partir desa hora, mentres que pola tarde haberá concurso de triplas e mates a partir das 18.30 horas e as semifinais e finais a partir das 20.00 horas.