Esta mañá presentouse no Pazo de Raxoi o programa da 44 edición do Día do Traxe Galego, unha cita que vai unida dende hai décadas ás festas do Apóstolo, e que este ano terá lugar o vindeiro sábado 29 de xullo con desfiles, exhibicións e o tradicional certame. Ademais, tras unha exitosa primeira edición o pasado ano, volve a Feira do vestir “De onte a hoxe” que ofrecerá, esta vez na praza da Quintana, pasarelas e obradoiros para todas as idades ao longo de toda a xornada.
A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada pola presidenta e a secretaria da Asociación do Traxe Galego, Consuelo Vázquez e Susana Peleteiro; pola directora rexional de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés en Galicia e Asturias, Fuencisla Cid e por Montse Rivera, integrante de Leilía e impulsora da Feira; presentou esta mañá a 44 edición do Día do Traxe Galego que este ano se celebrará o sábado 29 de xullo. Organizada pola Asociación do Traxe Galego, esta xornada conta co apoio do Concello de Santiago e co patrocinio de El Corte Inglés e Fixagal.
Na rolda de prensa, Pilar Lueiro explicou que esta celebración é un “día moi esperado dentro das Festas” e quixo agradecer á Asociación do Traxe Galego o seu labor “na promoción, uso e dignificación do traxe, ademáis de incentivar a investigación mediante a concesión do Premio Antón Fraguas”. A edila amosou o seu desexo de “manter e incrementar a presenza do traxe galego na programación das Festas” e convidou a toda a veciñanza a “desfrutar e saír á rúa”, ataviados con algunha peza do traxe “aínda que non se unan ao desfile ou participen no concurso”.
Programa da mañá
A xornada arrancará ás 11:30 horas coa concentración dos participantes para o desfile matinal na entrada da Alameda de Santiago que se iniciará ás 12:00 h facendo o seguinte percorrido polas rúas da zona monumental:
Porta Faxeira, rúa do Vilar, praza de Praterías (cunha parada para a actuación dos grupos de gaiteiros e de pandereteiros/as da ATG), rúa da Conga, praza de Feixóo, rúa do Preguntoiro e chegada á praza de Cervantes, onde se fará outra parada. A continuación, a comitiva sairá cara á Igrexa de San Paio de Antealtares para celebrar ás 13:00 h a tradicional misa e ofrenda floral. Ao finalizar a misa, os participantes faranse unha foto conxunta nas escadas da praza da Quintana.
Programa da tarde
Ás 14:00 h terá lugar una recepción municipal de autoridades no Pazo de Raxoi, que estará seguido polo popular “Certame de Traxes Tradicionais” no Museo do Pobo Galego, onde os participantes nas diferentes catergorías, serán avaliados polo xurado, con posterior sesión fotográfica no Claustro do Museo. Ás 19:00 h, da rúa de Bonaval sairá o desfile coas persoas participantes no certame e todas as de persoas que desexen participar nel ataviadas cos traxes tradicionais e acompañadas polo grupo de gaiteiros.
O percorrido será o seguinte: rúa de Bonaval, Casas Reais, praza de Cervantes, rúa do Preguntoiro, rúa da Conga e entrará na praza da Quintana pola rampla entre San Paio e a Casa da Conga, continuando o desfile no interior da praza da Quintana, onde ás 19:30 h terá lugar a exhibición dos traxes presentados ao certame e o posterior acto de entrega de premios aos gañadores. Tamén se levará a cabo a entrega dos diplomas e medallas ás “Socias de Honra” da ATG.
XLIV Concurso do Traxe Galego
Establécense tres categorías principais: traxes de home, traxes de muller e grupos de dez ou máis persoas. Dentro de cada unha delas poderase participar nunha única das dúas subcategorías: traxe antigo (completo ou pezas) ou traxe moderno (de gala ou de cotío).
As persoas interesadas poderán inscribirse no concurso ata o 24 de xullo. Para máis información, pódense consultar as bases do concurso e as normas de participación ao final da noticia.
II Feira do vestir “De onte a hoxe”
Ademais, por segundo ano consecutivo, celebrarase a Feira do vestir “De onte a hoxe” que nesta ocasión terá lugar na praza da Quintana, onde desde as 11:00 ata as 21:00 h, haberá actividades para todas as idades. Esta iniciativa foi presentada por Montse Rivera, organizadora da Feira e unha das integrantes do grupo Leilía, que exercerán de pregoeiras das Festas do Apóstolo o vindeiro 20 de xullo.
Así, todas aquelas persoas interesadas poderán participar nos obradoiros de costura ou gozar das diferentes mostras de traxes tradicionais. Ademais, os máis pequenos poderán aprender a elaborar colares tradicionais tradicional en madeira e marcapáxinas con forma de monteira.
Tamén haberá un “fotocall” infantil e adulto para que todas as persoas que se acheguen poidan sacar fotos co traxe tradicional.
Os detalles do Día do Traxe Galego están dispoñibles na progrmación das Festas do Apóstolo na web do Concello.