Friday 22 de November de 2024

A segunda quenda dos campamentos municipais de verán contou con 50 participantes


Realizan desde o luns e ata hoxe venres actividades en Caión e tamén desfrutaron de saídas ao parque acuático de Cerceda e ao centro de turismo ecuestre O Ventoso de Erboedo.

Hoxe conclúe a segunda quenda dos campamentos que cada verán organiza o Concello. Do mesmo xeito que sucedeu a semana pasada co primeiro grupo (nenos de 7 a 9 anos de idade), a praia de Caión foi o escenario da maioría das actividades que se levaron a cabo co medio centenar de participantes, todos eles de idades comprendidas entre 10 e os 12 anos.
Cada día o autobús cos rapaces e os monitores saíu da Praza do Concello ás 10:00 h e regresou 18:00 h. A parada para o xantar nas instalacións do centro sociocomunitario foi ás 14:00. Durante toda a semana os participantes realizaron moi diversas actividades lúdicas, recreativas, educativas, culturais e deportivas, incluíndo obradoiro de cociña, kaiak, pádel surf, láser tag, inchables, festa da escuma, xogos na praia e saídas ao parque acuático de Cerceda e ao centro de turismo ecuestre O Ventoso de Erboedo.
O Concello asume os custos do transporte, do xantar e de todas as actividades que se realizan no termo municipal da Laracha.
Todos os anos o Concello aposta por celebrar estes campamentos no marco do programa cultural e deportivo de verán aproveitando as instalacións municipais existentes en Caión e as características da vila, que permiten organizar un amplo abano de actividades nesta época do ano. Ademais de ofrecer ao nenos a posibilidade de divertirse practicando deporte e realizando actividades de tipo educativo, os campamentos son tamén unha importante axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais durante as vacacións nos centros educativos.