Friday 22 de November de 2024

A Xunta e as tres universidades galegas unen esforzos para previr a violencia de xénero entre a xente máis nova


Rueda presentou a iniciativa “Todos os días loitando contra a violencia de xénero”, unha campaña de sensibilización destinada ao alumnado universitario galego

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación da iniciativa “Todos os días loitando contra a violencia de xénero”, unha campaña de sensibilización e información coa que se pretende loitar contra a violencia de xénero entre o alumnado universitario galego.

A campaña conta coa colaboración das tres universidades galegas e das entidades Abanca Obra Social e El Corte Inglés e ten o obxectivo implicar á xente máis nova na concienciación e necesidade de acabar coa lacra social que supón a violencia machista.

A campaña comeza hoxe, Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, no campus de Santiago e despois percorrerá os outros seis campus galegos. En cada un deles, instalarase un punto de atención con material informativo que incide na idea de que o “amor romántico” non debe servir para encubrir actitudes ou comportamentos violentos.

Segundo destacou Rueda, a única forma de conseguir unha sociedade “cero por cento machista” é traballando xuntos e avanzando unidos. Por iso, a Xunta de Galicia leva a cabo esta campaña de sensibilización, que trata de fortalecer os mecanismos de prevención.

Os últimos estudos publicados, revelan que a mocidade constitúe un grupo especialmente vulnerable á violencia machista, xa que a poboación máis nova parece estar reproducindo de maneira preocupante uns estereotipos de xénero que se crían erradicados.

Por iso, iniciativas como a que se presentou hoxe buscan que os mozos e mozas sexan capaces de recoñecer esas condutas nocivas e poidan frealas, e dese xeito evitar que se agraven e supoñan un maior risco de violencia de xénero no futuro. “O que buscamos é previr, visibilizar e crear conciencia social”, concluíu Rueda.

Un selfie contra o mal amor
Ademais do material informativo, a campaña de sensibilización leva aparellada a acción Un selfie contra o mal amor, un concurso a través do cal os universitarios e universitarias galegos poderán subir unha autofoto a través das súas redes sociais e manifestar nelas o seu rexeitamento á violencia de xénero.

A acción Un selfie contra o mal amor estará hoxe no Campus Vida da USC. Mañá pasará ao Campus Norte e posteriormente ao de Lugo (30 de novembro), Coruña (1 e 2 de decembro), Ferrol (3 de decembro), Pontevedra (9 de decembro), Ourense (10 de decembro) e Vigo (14 de decembro).

A presentación da campaña tivo lugar na Biblioteca Concepción Arenal, do Campus Vida, e ademais do vicepresidente contou coa presenza da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, o reitor da USC, Juan Viaño; o reitor da UdC, Xosé Luis Armesto; a vicerreitora de Estudantes da UVigo, Dolores González; a directora de Responsabilidade Social Corporativa de ABANCA, Tatiana Suárez; e o director xeral de Relacións Externas, Comunicación, Marketing e Turismo de EL Corte Inglés, José Manuel Blanco.

Acto en Xeografía e Historia
Na mesma liña, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou máis tarde no acto conmemorativo do Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero, que organiza a USC na Facultade de Xeografía e Historia.

Na súa intervención, a secretaria xeral volveu incidir no papel “crucial” da educación e das universidades para erradicar calquera forma de violencia e especialmente á que se exerce contra as mulleres. Segundo destacou, os centros de ensino son fundamentais para previr actitudes sexistas e discriminatorias, así como fomentar a reflexión sobre os roles e os valores que rexen na sociedade.

Ademais, co obxectivo de afondar na ruptura de estereotipos sexistas, López Abella lembrou que a Xunta vén de lanzar unha imaxe nas redes sociais: STOP MAL AMOR. Con esta iniciativa pretendese concienciar á mocidade de que os celos non son unha expresión de amor, senón de poder, posesión e control; e que as ameazas encobren unha baixa autoestima, inseguridade e desconfianza.

No acto da Universidade tamén participaron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez, o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso, e o director do servizo de publicacións, Juan L. Blanco Valdés.