Os actos culturais e gastronómicos sucederanse durante esta fin de semana en varias ubicacións da cidade. Onte mesmo abrían as portas no Parque do río Freixeiro os postos instalados no Mercado Medieval, preto dun centenar, que continuarán hoxe e tamén o sábado e o domingo. A concelleira de Feiras, Mar Gómez, desprazouse esta mañá á zona e comprobou o éxito desta proposta, que na tarde de onte congregou a centos de persoas. Ao longo da mañá continuará a actividade no Mercado Medieval, e tamén pola tarde, dende as 18.00 horas.
Postos de artesanía e de venda de diferentes produtos, de alimentación, obradoiros para nenas e nenos no recuncho infantil, espectáculos de trasnos, maxia, musicais, monicreques, zancudos… e unha diversidade de propostas animarán aos visitantes deste Mercado Medieval polas mañás, dende as 11.00 horas e ás tardes a partir das 18.00 horas.
Esta mesma noite estaba prevista unha nova sesión do ciclo “Cine de Verán”, impulsado dende o Padroado da Cultura, no Centro Cívico Social da parroquia do Val pero ante as previsións de choiva suspendeuse ata nova data.
Na xornada de mañá sábado tamén se celebrará a trixésimo segunda edición do Festival Internacional de Folclore, organizado polo Padroado da Cultura e no que actuarán a Banda de Gaitas e o Grupo de Baile Tradicional Alxibeira do Padroado da Cultura de Narón, o conxunto de danza folclórica Veselin Maslesa, Banja Luka (Bosnia e Hercegovina), o grupo folclórico de Cantares e Bailares da Relva (Illas Azores) e a Asociación de danzas folclóricas Ciudad de Cádiz. A convocatoria, con entrada tamén de balde, dará comezo ás 21.00 horas no Pazo da Cultura.
Así mesmo, mañá á noite, a partir das 22.30 horas poderase ver un espectáculo de iluminación artística no mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto. Unha cita, “Noite no mosteiro”, que inclúe concertos de música sacra que se sucederán ata aproximadamente as 01.00 horas e que son de acceso libre, ata completar a capacidade da sala.
En Xuvia tamén haberá actos esta fin de semana no marco da programación da “XXIII Festa da ameixa rubia”. Na zona do paseo marítimo actuarán mañá, a partir das 22.30 horas, os grupos Blackyack, Mr. Karmándula e Superoito. O domingo terá lugar a parte máis gastronómica e festiva desta celebración, que comezará ás 13.00 horas cunha sesión vermú e un xantar a partir das 15.00 horas cun menú a base de ameixa rubia á mariñeira, churrasco, sobremesa e bebidas a prezos populares. Os tickets poden adquirirse na cafetería da AVV Altea (Xuvia) ou reservalos no teléfono 981 393 561. O propio día da festa tamén se poderán adquirir no caso de que aínda non se esgotasen. Tralo xantar haberá xogos populares, a partir das 16.00 horas e retomarase a música ás 17.00. A programación festiva inclúe ademais un concerto de Brais das Hortas a partir das 18.00 e a tradicional Festa da escuma dende as 19.00 horas.
O domingo tamén haberá música no Alto do Castiñeiro, concretamente no parque da rúa 25 de Xullo, onde se celebrará a segunda sesión do programa “Verde que te quero verde”. Sonsoles Penadique e Mondra protagonizan os espectáculos para público familiar e adulto que se poderán ver, de balde, a partir das 12.00 horas.