Friday 22 de November de 2024

A alcaldesa presidiu este mediodía a recepción oficial no Concello aos participantes no “XXXII Festival Internacional de Folclore”


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá no Concello o acto de recepción oficial aos representantes das catro agrupacións que participarán mañá no “XXXII Festival Internacional de Folclore” organizado polo Padroado da Cultura. Ferreiro estivo acompañada polo director técnico do Padroado da Cultura, Luciano Fernández, e polos voceiros dos grupos políticos de Terra Galega, Román Romero, do PP, Germán Castrillón e do BNG, Olaia Ledo (BNG) e do edil Jorge Ulla (PSOE).

O festival desenvolverase mañá ás 21.00 horas finalmente no Pazo da Cultura, debido ás previsións de choiva, polo que é preciso recoller o convite, de balde, no despacho de billetes do propio Pazo. Nesta edición actuarán a Banda de Gaitas e o Grupo de Baile Tradicional Alxibeira do Padroado da Cultura de Narón, o conxunto de danza folclórica Veselin Maslesa, Banja Luka (Bosnia e Hercegovina), o grupo folclórico de Cantares e Bailares da Relva (Illas Azores) e a Asociación de danzas folclóricas Ciudad de Cádiz.

A rexedora local deu a benvida aos representantes das catro formacións e destacou a importancia deste evento, en canto que permite á cidadanía “coñecer un pouco máis outras culturas e tamén amosar parte da nosa, difundíndoa neste tipo de actos que resultan moi enriquecedores a nivel cultural e tamén imprescindibles para que se conserven no tempo esas tradicións, neste caso música, cancións e bailes de diferentes países”.

Antes de rematar o acto Ferreiro intercambiou unha serie de agasallos institucionais coas formacións convidadas a este festival, animando á veciñanza a acudir ao mesmo para desfrutar da convocatoria.