Friday 22 de November de 2024

Deporte e solidariedade únense na Pobra a favor da Anedia


Polo segundo ano consecutivo, o Concello da Pobra do Caramiñal, a Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (Anedia), a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e a Federación Galega de Atletismo botan a anda-la Carreira Solidaria Móvete pola Diabetes. A segunda edición desta cita que une deporte e solidariedade desenvolverase no 29 de xullo e abrangue numerosas categorías de competición: dende a sub-6 ata a máster, tanto masculina coma feminina, ademais da Zapatilla Inclusiva.

O circuíto habilitarase no tramo de fachada marítima comprendido entre a praza Alcalde Segundo Durán e o peirao comercial, a partir das 20.00 horas. As saídas efectuaranse da rúa Fernández Albor, mentres que a meta estará situada no interior da praza Alcalde Segundo Durán. Deberase completa-la distancia establecida por categoría e no remate procederase coa entrega de premios e agasallos.

A este respecto, o concelleiro Eloy Sobrido, acompañado da técnica dos Deportes, Ana Romero, insistiu no estreito vínculo entre deporte e saúde, especialmente neste evento que tamén busca concienciar sobre unha enfermidade que afecta un 14% da poboación española. De feito, no pasado ano conmemorouse o centenario da primeira inxección de insulina subministrada a un neno con diabetes tipo 1, no 23 de xaneiro de 1922, e que ata aquel momento era unha doenza mortal.

Na súa intervención, a presidenta da Anedia, María José Rego, explicou que tamén haberá mesas informativas de diversos ámbitos da sanidade.

Poderán participar todos/as aqueles/as atletas que o desexaren, independentemente de que estean federados/as ou non. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata as 14.00 horas do día 27 de xullo a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. O trámite será de balde para as categorías menores e para a Zapatilla Inclusiva, mentres que haberá que aboar un importe de 6 euros nas adultas. O recadado irá destinado a subvenciona-los campamentos de verán organizados pola Anedia.