Friday 22 de November de 2024

Feijóo agradece a Red Eléctrica de España que faga extensivo ao medio ambiente o seu compromiso coa infraestrutura enerxética de Galicia


En relación á poxa para 2017, lembra que Galicia é a Comunidade que máis MW interrompibles presenta, e que o Goberno galego proporá que se reforme parcialmente o proceso de adxudicación para que teña unha vixencia maior, de entre 2 e 3 anos, e poidan ser previsibles os gastos e custos

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu hoxe a Red Eléctrica de España que a compañía estea a facer extensivo ao medio ambiente o seu compromiso coa infraestrutura enerxética de Galicia. Así o manifestou logo de asinar un convenio de colaboración entre a Xunta e Red Eléctrica de España para a repoboación dunha zona do monte Tremuzo, en Outes, coa plantación de árbores autóctonas sobre unha superficie de 41 hectáreas.

Este proxecto, para o que Red Eléctrica achegará 200.000 euros e que se acometerá a partir de 2016, supón unha suma de esforzos para contribuír a valorizar a riqueza forestal de Galicia, dixo Feijóo. Segundo sinalou, constata que a responsabilidade desta empresa na extensión da rede de infraestruturas eléctricas de Galicia vai en paralelo ao seu compromiso co noso patrimonio natural.

De acordo a este convenio, Red Eléctrica comprométese a contratar os traballos de reforestación e a favorecer a contratación de empresas locais galegas para impulsar o desenvolvemento socioeconómico e o emprego verde no sector. E, pola súa parte, a Xunta encargarase do mantemento e a conservación das especies repoboadas, e da vixilancia e a dirección facultativa das obras de restauración.

Feijóo destacou que este acordo de colaboración súmase ao obxectivo da Xunta de revalorizar o monte galego, como así queda patente nos orzamentos para 2016, que duplican o investimento no eido forestal ao pasar de case 25 millóns de euros en 2015 a preto de 51 millóns para 2016. É, ademais, un convenio co que Red Eléctrica non só sitúa a Comunidade en primeira liña dos seus investimentos, senón no primeiro plano da súa política ambiental.

A Comunidade con maior investimento
Neste sentido, salientou que Galicia, tras Andalucía, Cataluña e a C. Valenciana, é a cuarta Comunidade peninsular que máis investimento absoluto recibirá por parte desta compañía no período 2015-2020, con 308 millóns de euros. Excluíndo os territorios non peninsulares, percibirá o 11% de todo o investimento na Península; e, canto á media per cápita, é a segunda Comunidade peninsular á que máis investimento se destinará tras Aragón, 65 euros por habitante.

Feijóo agradeceu á compañía e ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, que esta Comunidade lograse cada unha das peticións que presentou como fundamentais para o desenvolvemento das infraestruturas eléctricas de Galicia. Un feito que se traduce, dixo, en novas interconexións con Portugal e Asturias. En máis apoios para a demanda industrial da Coruña, coa subestación de Eirís, e de Vigo, coa futura subestación Nuevo Vigo en Balaídos. E, tamén, na ampliación da rede para garantir a evacuación de todos os parques eólicos que se vaian construíndo no marco do concurso eólico; o que lle achega futuro e viabilidade.

Garantir a evacuación de todos os parques eólicos
Ao respecto, mencionou que este último punto é un dos obxectivos fundamentais da planificación prevista de cara ao horizonte 2020, posto que se está traballando na ampliación de sete subestacións de 220 kV: en Chantada, Mesón do Vento, Santiago de Compostela, Amoeiro, Tibo (Caldas de Reis), Regoelle (Dumbría), Fontefría (A Cañiza) e Ludrio (Castro de Rei), esta última de 400 kV.

Xunto con isto, as restantes actuacións previstas para os vindeiros cinco anos, van destinadas a garantir a seguridade da subministración, a eliminar restricións, a responder ao aumento da demanda, a mellorar as conexións internacionais, e a planificar instalacións consideradas necesarias nun escenario posterior a 2020 para que poida iniciarse a súa tramitación administrativa. É o caso, por exemplo, da nova subestación de Cambados, para atender á demanda turística e industrial da zona.

En relación á poxa para 2017, Feijóo lembrou que Galicia é a Comunidade que máis MW interrompibles presenta, e que é a rexión cuxas empresas reciben un maior importe do servizo de interrompibilidade. Finalmente, sinalou que o Goberno galego proporá que se reforme parcialmente o proceso de adxudicación para que teña unha vixencia maior, de entre 2 e 3 anos, e poidan ser previsibles os gastos e custos.