Tamén se suman á Xunta Directiva de CMAT María Lema, concelleira de Turismo de Dumbría, como vicepresidenta; e como vogais, Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra, e José Carlos García, rexedor de Coristanco
A CMAT destaca, tras a renovación do seu órgano de dirección fixado cada dous anos, a presenza de todas as forzas políticas que gobernan nos concellos do xeodestino e a representación baseada no equilibro territorial
A nova Xunta Directiva celebrará a súa primeira reunión o 3 de agosto en Baio
O alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, é o novo presidente de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT). Toma a substitución de Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, que desenvolveu as súas funcións como presidenta da CMAT desde xuño de 2021 ata o de agora. As asembleas iniciais da asociación estableceron a rotación da presidencia cada dous anos seguindo a orde alfabética dos municipios. A renovación da Xunta Directiva acordouse na asemblea extraordinaria de socios da CMAT celebrada onte na Casa dá Cultura de Vimianzo.
Incorpórase tamén á Xunta Directiva da CMAT, como vicepresidenta, María Lema, concelleira de Turismo do Concello de Dumbría. Substitúe a Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas. Así mesmo son novos integrantes do órgano de dirección da CMAT, como vogal, Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra, que substitúe ao anterior alcalde deste municipio, José Marcote; e, tamén como vogal, José Carlos García, alcalde de Coristanco, que releva a Xosé Regueira, concelleiro de Turismo de Carballo.
Pola súa banda, mantéñense nos seus cargos José Muíño, alcalde de Cabana de Bergantiños, como tesoureiro da CMAT; Pepe Formoso, presidente de APTCM, como secretario; e Damián Álvarez, secretario de APTCM, como vogal. Costa da Morte Asociación Turística destaca que “tal e como leva facendo desde o nacemento da CMAT, a nova Xunta Directiva conta con representantes políticos de todos os partidos que gobernan actualmente no territorio, e mantén un equilibro territorial”.
Obxectivos fundamentais
A Asemblea Extraordinaria de Socios da CMAT, tras dous anos, renovou a súa Xunta Directiva cumprindo cos estatutos. E, tras a constitución das novas Corporacións Municipais, deu a benvida ás novas alcaldesas e alcaldes dos Concellos que integran o xeodestino. Ao comezo da sesión, Marta Rodríguez, membro do equipo da Secretaría Técnica da CMAT, realizou un resumo sobre que é Costa da Morte Asociación Turística e destacou os seus obxectivos fundamentais, os seus órganos de goberno, as súas fontes de financiamento, os fitos alcanzados nestes dous últimos anos, as actividades desenvolvidas de xaneiro a xuño de 2023 e as previstas para a segunda metade deste exercicio.
A antiga Xunta Directiva, liderada por Mónica Rodríguez, destacou a “velocidade de cruceiro” alcanzada por CMAT no desenvolvemento de novas iniciativas. Confía en que “non se vexa afectada polo cambio nos órganos de goberno”. Ao mesmo tempo, recomendou a celebración de reunións mensuais da Xunta Directiva “que permitan e favorezan un seguimento e control das actividades programadas, así como a toma de decisións e a coordinación coa Secretaría Técnica”.
Na Asemblea Extraordinaria tamén se expuxo unha actualización dos estatutos da CMAT, onde se especifique, por exemplo, a implicación dos membros da Xunta Directiva nas súas funcións, así como na responsabilidade económica dos socios. Tamén se propuxo estudar a “necesaria actualización das cotas dos socios da CMAT para gañar músculo financeiro que permita o crecemento da asociación e mellorar o impacto das actividades en todo o territorio”.
Experiencia enriquecedora
Mónica Rodríguez, a modo de despedida, destacou como “enriquecedora e gratificante” a súa experiencia á fronte da CMAT durante os dous últimos anos. Dixo levar “unha gran aprendizaxe”. “Foi un traballo intenso e frutífero grazas ao traballo en equipo e á implicación de todos os membros da Xunta Directiva e de todos os socios; e ao labor de coordinación, o bo facer e o apoio na xestión desenvolto pola Secretaría Técnica da CMAT”, manifestou a tamén alcaldesa de Vimianzo.
A nova Xunta Directiva, que terá a súa primeira reunión de traballo o próximo 3 de agosto na localidade de Baio, Concello de Zas, destaca que “se abre unha nova etapa con sólidas vimbias para seguir consolidando á CMAT como ente xestor do turismo en Costa da Morte”. O próximo encontro servirá para definir as actividades da segunda metade de 2023 e para asentar as novas bases de traballo e coordinación da nova Xunta Directiva.