Na intervención, que a Administración local financiou con fondos municipais, tamén se procedeu ao acondicionamento do estacionamento que dá servizo á pista deportiva, parque infantil e biosaudable e local social de Anca
O Concello de Neda remataba esta semana as obras de acondicionamento do camiño do Carballal, que facilita a conexión do Roxal cos Pazos e coa Rabadeña; a pista dos Foxos, que dá servizo a varias vivendas na zona, e do vial de acceso á pista polideportiva de Anca. Neste caso, a intervención completouse co aglomerado da zona de estacionamento contigua, que ademais de dar servizo aos usuarios e usuarias da propia pista, tamén é utilizada por aqueles veciños e veciñas que fan uso do local social e máis do parque infantil e biosaudable contiguos. Os traballos, que esta semana supervisaba o concelleiro de Obras, Gelucho García, correron por conta da firma Canarga, e neles o Concello de Neda investiu preto de 70.000 euros procedentes do orzamento municipal.
Nos tres viais, ata o de agora pavimentados por medio de regos asfálticos e moi deteriorados, procedeuse ao aglomerado asfáltico en quente, unha alternativa que conleva un investimento maior, pero que é moito máis duradeira no tempo, axudando a reducir os gastos de mantemento. Previamente, procedeuse á roza das marxes, á limpeza das cunetas e ao rebacheo dos puntos máis deteriorados. Unha intervención coa que mellorar a seguridade de condutores e peóns.
Nesta liña, o edil delegado de Obras avanzou as seguintes intervencións de mellora de camiños e pistas, que se realizarán en Porta da Pena, Vilar-Sandes e Vila de Anca. Así, estes días os operarios remataban a limpeza de cunetas previa aos traballos de rebacheo e aglomerado.