–A candidata socialista ao Congreso participouen Santiago nun encontro co colectivo Enfermeiras A Por Todas Coruña-Cee, xunto ao tamén candidato Diego Taibo e o parlamentario Julio Torrado
O PSdeG-PSOE provincial da Coruña reuniuse co colectivo Enfermeiras A Por Todas Coruña-Cee, para amosar o seu apoio ás súas demandas contra a precariedade no sector. Participaron na xuntanza os candidatos ao Congreso na provincia Obdulia Taboadela e Diego Taibo e o portavoz socialista de sanidade no Parlamento galego Julio Torrado.
Obdulia Taboadela sinalou que “o 23 de xullo decidimos se queremos unha sanidade universal, gratuíta e de calidade, como sempre tivemos cando os socialistas estivemos no Goberno, ou o sistema sanitario de Feijóo e Ayuso, definido pola precariedade e a falta de médicos”. “Non son só unhas eleccións de continuidade ou non, senón de modelo de país”, engadiu.
A candidata socialista afirmou tamén que “non queremos confiar as nosas institucións a quen renega delas, como Feijóo, dicíndolle aos carteiros que non fagan caso aos seus xefes, debe ser que cando el era director de correos si que lles dicía o que tiñan que facer”. “Ou como Ayuso, que promove a sanidade privada e chama vagos aos da pública”, criticou Taboadela.
Pola súa banda, Torrado destacou que “o problema fundamental que temos no sistema sanitario en Galicia é a precariedade no persoal, especialmente en enfermería, e isto provoca ineficiencias no sistema”. “Por iso estamos denunciando esta situación constantemente, como fixemos no último pleno do Parlamento de Galicia”, reivindicou.
“A Xunta fai oídos xordos e non recoñece a necesidade de estabilizar a situación do colectivo e de dotar de máis recursos ao sistema”, sinalou o parlamentario socialista. Por esta razón, apuntou que “precisamos gobernos fortes que aposten pola estabilidade, como fixo Pedro Sánchez estabilizando a 67.000 sanitarios, que son o eixo vertebrador do noso sistema sanitario”.