O BNG de Oleiros levará este asunto ao pleno ordinario de xullo
Esta situación sucede dende hai máis dunha década; trátase das aulas nas que a maioría das familias escolariza por primeira vez ás súas fillas e fillos e nas que o problema existe e perdura.
Na listaxe definitiva que publicou o Consorcio galego de igualdade e benestar no pasado 31 de maio (única listaxe oficial e única dispoñíbel para a cidadanía, polo tanto única fidedigna), eran 25 os nenos e nenas que se atopaban nesta situación; para solucionalo, sería preciso abrir máis de 2 aulas (que contan cun máximo de 12 crianzas por aula, segundo a normativa).
Estas carencias non se limitan a esta franxa de idade: tamén na de 0 a 1 foron insuficientes no curso pasado. Compre aclarar que para facer a valoración deste curso teremos que agardar á terceira e última convocatoria de adxudicación de prazas que terá lugar en decembro e, posto que para poder facer reserva e formalizar matrícula as crianzas teñen que estar nadas, haberá que esperar a que se finalice ese proceso para poder dicir con veracidade as vacantes libres ou o número de crianzas que se quedan en listaxe de agarda.
Neste vindeiro curso, e por segunda vez, a Xunta de Galiza ofrece o acceso ao primeiro ciclo da educación infantil (as mal chamadas garderías) de xeito gratuíto para todas as crianzas (até agora era a partires da segunda filla ou fillo), ben na rede pública, ben na privada. Trátase dunha medida que, unha vez máis, favorece e fomenta a prestación dos servizos públicos na empresa privada, optando por renunciar a incrementar a oferta pública, e sen establecer as mesmas esixencias nos prazos e procesos de adxudicación, e tampouco conta ca supervisión e inspección suficientes. A pesar disto, a situación actual do mercado de traballo e as necesidades de conciliación obrigan a moitas familias a non poder elixir con liberdade unha opción que garanta unha educación pública, gratuíta e de calidade para as crianzas na primeira idade.
Hai que ter en conta a situación de Oleiros, na que unha alta porcentaxe da poboación traballa noutros concellos e busca prazas máis próximas aos seus centros de traballo (maioritariamente, na Coruña) ou das familias extensas, cousa que fai que as listaxes de agarda non sexan máis longas.
Fronte ás políticas aniquiladoras do sector público dos gobernos do Partido Popular na Xunta, ou o conformismo do Concello, o BNG de Oleiros quere denunciar unha vez máis esta situación, e reivindicamos a ampliación das prazas na rede pública que garanta o acceso de todas as crianzas e de todas as familias nas mesmas condicións de calidade.