A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, mantiveron esta mañá unha xuntanza en Ferrol para abordar o estado de distintas cuestións “pendentes” que lle afectan ao municipio, como por exemplo a falla de combinacións axeitadas para o transporte do alumnado de estudos post-obrigatorios, as obras aínda non executadas que precisa o CEIP San Ramón ou a urxencia de acometer unha limpeza dos lodos acumulados no Río Grande de Xubia ao seu paso pola área recreativa de Soutogrande. Ademais, a rexedora, que acudiu ao encontro xunto coa concelleira Cristina García, tamén lle solicitou á delegada maiores facilidades por parte de Patrimonio para a execución de melloras na Casa Niño e na Casa do Maior, o apoio autonómico para acometer labores de conservación no castelo e, por último, que se lle dea “unha solución” á seguridade da incorporación á AC-862 desde os locais sociais e deportivos de Abade.
Tal e como comentou a alcaldesa ao remate da xuntanza, Martina Aneiros “mostrouse receptiva ás demandas que lle comentamos e comprometeuse a trasladarllas aos departamentos correspondentes da Xunta de Galicia. Algunhas delas son peticións históricas que xa solicitamos anteriormente e que aínda están pendentes de solucionar, mentres que outras son máis recentes e precisan unha solución urxente, como é o caso do transporte da rapazada que estuda bacharelatos, ciclos formativos e estudos universitarios”.
Foi precisamente o do transporte do alumnado de estudos post-obrigatorios o tema que encabezou a orde do día da xuntanza. O problema de fondo é que a rapazada que acode ao IES Fernando Esquío de Neda ten que coller o bus en Vista Alegre, a 13 quilómetros de Moeche. Ademais a liña que utilizan non está encadrada no plan metropolitano, senón que se trata dun autobús dependente de Educación para levar a rapazada que estuda a ESO e que, polo tanto, ten dereito a transporte, mentres que o uso por parte do estudantado de bacharelatos, ciclos formativos e universidade non estaría asegurado. De feito, a posibilidade de empregar esta liña “foi un parche” que se adoptou no curso pasado a raíz da presión das familias e dos concellos de Moeche, San Sadurniño e Narón.
“Para poder cursar bacharelato en Neda ou un ciclo formativo en Ferrol ou Narón, as familias deben reducir o seu horario laboral, ou pagar un taxi diario de ida e volta, co custe que iso supón. Dase unha situación de agravio comparativo coa rapazada de ESO e co alumnado que vive nas vilas ou en zonas rurais próximas, onde teñen transporte gratuíto e con suficientes frecuencias”, comenta Beatriz Bascoy. A alcaldesa engade que o tren “tampouco está sendo unha opción axeitada”, xa que a adaptación de horarios “só serve para centros de Ferrol ou Narón, pero non para o de Neda”.
Bascoy remarca que se trata “dunha situación que vimos arrastrando desde hai anos e á que non se lle dá solución. Por iso pedimos unha liña de transporte que percorra os concellos afectados (Moeche, San Sadurniño e a zona rural de Narón) ou que se modifique o bus regular das sete da mañá atendendo a esta necesidade. Hai que ter en conta que falamos de alumnado menor de idade que ten dereito a estudar, a formarse coma o resto e a vivir no rural”.
A rexedora de Moeche apunta a este respecto que os tres municipios teñen solicitada unha xuntanza co xefe territorial de Mobilidade de cara a abordar as modificacións do transporte que serían necesarias para axeitalas ás necesidades do estudantado.
Arranxos no CEIP San Ramón
Sen saír do ámbito educativo, Beatriz Bascoy tamén lle recordou a Martina Aneiros que o CEIP San Ramón “leva agardando desde 2015 a que se tape un burato existente na cimentación polo que entra a auga nos días de choiva”. Ao parecer, no curso 2020-21 a Consellaría comunicoulle ao centro a disposición de fondos para facer a obra que, segundo a alcaldesa, “a día de hoxe segue sen contratarse”.
Con respecto ás melloras na escola “para as que aínda non tivemos resposta”, Bascoy tamén citou a instalación dun recinto pechado no acceso principal para baixar o consumo en calefacción, a necesidade de renovar a cuberta -retirando as vellas uralitas- e o pintado e illamento exterior do edificio.
Patrimonio, Río Xubia e seguridade na AC-862
A relación de temas tratados por Beatriz Bascoy, Cris García e a delegada territorial da Xunta de Galicia completouse coa solicitude de que o departamento autonómico de Patrimonio marque pautas que garantan poder acometer “de maneira máis áxil e sen retrasos innecesarios” melloras na Casa Niño e na Casa do Maior da Casabranca, cuxas instalacións están afectadas pola existencia dun castro catalogado.
Por outra banda tamén se lle pediu á delegada “un maior compromiso” cos custes de conservación do castelo de Moeche e, principalmente, coa execución de obras “urxentes e moi necesarias” que corrixan as filtracións de auga en varios puntos da fortaleza. Esta demanda “que tamén agarda algún tipo de resposta, por tratarse de intervencións nun Ben de Interese Cultural que, polo seu custe, o Concello non pode asumir en solitario” foi posta en coñecemento da Xunta na visita que fixo ao castelo en 2021 o Subdirector Xeral de conservación e Restauración de Bens da Xunta de Galicia.
Alén destas cuestións, o encontro “moi cordial e construtivo” mantido con Martina Aneiros tamén foi aproveitado pola rexedora local para lembrarlle a necesidade de retirar lodos e pólas do Río Grande de Xubia ao seu paso pola área recreativa de Soutogrande. “Augas de Galicia só limpou un pequeno tramo do río aló polo 2016, e posteriormente foi o Concello quen tivo que actuar ante o perigo que supoñían a lama e os restos vexetais e de árbores acumulados nas beiras e no fondo. A situación empeora de ano en ano, a pesar de que xa mantivemos varias xuntanzas ao respecto nas que mesmo instamos á Xunta a que se tramitasen convocatorias de fondos europeos dirixidos precisamente á recuperación de cauces”.
Por último, Beatriz Bascoy comentou con Aneiros que o Concello de Moeche tamén “agarda unha resposta” para a solicitude de elementos de seguridade nas vivendas máis próximas á AC-862, ademais de recordar que “hai máis de cinco anos” que se ten pedida “unha solución” para a incorporación á estrada de Ortigueira desde os espazos culturais e deportivos de Trieiro, en Abade. “O persoal técnico que veu daquela considerou que era importante instalar unha illa que permitise parar con certa seguridade. Sexa esa ou outra solución, é algo que urxe, debido á actividade cultural e deportiva que se desenvolve nos locais e á avanzada idade de moitas das persoas usuarias”.