Indica que a día de hoxe o 85% das familias galegas non pagan nin un só euro pola prestación deste servizo
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Consello da Xunta aprobará mañá unha nova partida educativa de 19 millóns de euros para dotar con 100 MB todos os colexios públicos de Galicia.
De igual modo, durante a súa intervención no Pleno da Cámara galega, Feijóo sinalou que nos últimos anos o Goberno galego incrementou nun 23% as prazas de comedores escolares e que a día de hoxe o 85% das familias galegas non pagan nin un só euro pola prestación deste servizo.
Neste senso, o presidente da Xunta subliñou que o Goberno galego seguirá apostando por unha política redistributiva no ámbito dos comedores e ampliando o número de comedores escolares ao longo da lexislatura.
Por outra banda, o titular da Xunta sinalou que o Goberno galego fixo unha aposta decidida polos servizos públicos, tal e como se reflicte nos sete presupostos que o Goberno impulsou e que foron aprobados polo Parlamento galego. A través deles, o 80% da totalidade dos recursos que temos os galegos cada ano se destinaron ao mantemento dos servizos públicos.
A este respecto, Feijóo recordou que a primeira lei que garante a calidade dos servizos públicos foi aprobada no mes de abril por este Goberno. Unha lei, que tal e como subliñou, está orientada a garantir a calidade dos servizos públicos e que establece un plan plurianual de inspección, que será aprobado proximamente, e inclúe mecanismos de análise de demandas e mecanismos de análise das queixas dos usuarios.
Ademais, o mandatario galego indicou que por primeira vez na Xunta de Galicia os pregos de contratación permiten a responsabilidade patrimonial e establecen unha penalización no caso de que un concesionario non cumpra o servizo.
Por último, o titular da Xunta destacou que hoxe temos unha Sanidade pública con máis dereitos e calidades que en tempos anteriores. “O 70% dos galegos temos un hospital ou centro de saúde novo ou ampliado na nosa de área de referencia e os tempos de espera por patoloxías graves reducíronse a metade desde 2009”, dixo. Ademais, Feijóo fixo referencia aos 80 millóns de euros que o Goberno galego investiu na mellora da alta tecnoloxía do Servizo Galego de Saúde.