Friday 22 de November de 2024

O Concello de Carballo presenta recurso de alzada contra a resolución que autoriza o parque eólico do Monte Neme


O Concello de Carballo vén de presentar recurso de alzada contra a resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte Neme, sito nos concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños e promovido por Enel Green Power España, S.L.

O recurso do Concello de Carballo baséase en cinco aspectos fundamentais:
1. O parque eólico de Monte Neme constitúe un exemplo claro de fragmentación artificial de proxectos. Neste sentido, o informe técnico de 26 páxinas no que se sustenta o recurso alude a recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nas que se declara a concorrencia de fragmentación artificiosa, entre elas as relativas aos parques eólicos do Campelo e de Bustelo.

2. O procedemento de autorización do parque eólico de Monte Neme vulnera a Lei de ordenación do territorio de Galicia en relación coa aprobació do proxecto de interese autonómico, un aspecto sobre o cal teñen fallado tamén os tribunais. “Ficando clara a funcionalidade do proxecto de interese autonómico como instrumento de ordenación, e xa que logo debendo constituir o mesmo un presuposto para a aprobación do proxecto de execución do parque eólico, se esa Administración actuante entende posible que a ordenación territorial pode ser aprobada trala aprobación do proxecto executivo, esta cuestión será sometida por parte do Concello de Carballo ao criterio da xustiza ordinaria”, argumenta o informe que xustifica o recurso de alzada.

3. As afeccións medioambientais do proxecto vulneran a normativa vixente, entre outros, nos seguintes ámbitos:
-Proximidade das instalacións do parque eólico Monte Neme á ZEPA Costa da Morte Norte e ZEC Costa da Morte, ambas a menos de 2 km.
-Proximidade (menos de 1,5 km) aos humidais inventariados no Inventario de Humidais de Galicia: “Gándara de Cances” e “rego da Gándara”.
-Afección directa das obras con perda de superficie de hábitats hifgrófilos prorirarios, quer as breixeiras húmidas atlánticas con Erica ciliaris e E. tetralix.
-O PE “Monte Neme” xunto cos parques próximos proxectados de “Monteagudo ” e
“Pedrarrubia” constitúen unha barreira para o corredor migratorio das aves tanto ao longo da liña de costa como entre a o litoral e o interior. No EIA non se se aporta un traballo de campo detallado sobre a periodicidade mensual no censo anual de avifauna nin tampouco de quirópteros.
-As instalacións do parque eólico “Monte Neme” sitúanse dentro da zona potencial da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subs. lusitanica), catalogada como en perigo de extinción no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e cun plan de recuperación en vigor (Decreto 75/2013), así como de presenza de morcego cavernícola (Miniopterus schreibersii), especie vulneránel no CGEA, nunha das súas localizacións máis occidentais na Península Ibérica. Os impactos dos aeroxeradores non poden considerados compatibles coas necesidades destas poboacións, particularmente no caso das especies ameazadas.
-Sobre a paisaxe, a presenza e dimensións dos aeroxeradores xunto coas dos parques
próximos do PEs Monteagudo e Pedrarrubia nunha zona alta contigua á liña costeira sobre o areal e zona húmida de Baldaio supón unha barreira visual e unha degradación da paisaxe costeira moi significativa, que non pode consderarse compatíbel nen ser mitigada.

4. O trámite de información pública é contrario a dereito pola falta de posta a dispor dos informes sectoriais, un aspecto que tamén motivou a anulación das autorizacións relativas aos parques eólicos Campelo e Bustelo.

5. A autorización vulnera os dereitos de participación da cidadanía en materia de medio ambiente, xa que o proxecto resultante das modificacións derivadas durante a información púbica non foi sometido novamente a exposición. Deste xeito, por exemplo, a cidadanía non tivo acceso aos informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio nin á motivación pola que se exclúe un dos catro aeroxeradores previstos inicialmente e as suas infraestruturas, o que, por si mesmo, constitúe unha modificación substancial do proxecto.

Con todos estes argumentos, dende o Concello de Carballo solicitamos a revogación da resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais pola que se outorgar autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións do parque eólico Monte Neme e que se proceda a suspensión da resolución impugnada.