Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca o labor dos medios de comunicación na denuncia e na visibilización da violencia de xénero


A titular de Igualdade participou na xornada “As fontes de información en violencia de xénero”, organizada pola Agrupación de Mulleres Xornalistas de Santiago

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na xornada “As fontes de información en violencia de xénero”, onde destacou o “incuestionable” labor dos medios de comunicación na denuncia e na visibilización do grave problema que representa a violencia contra as mulleres.

“O papel dos medios de comunicación é clave na loita contra a violencia de xénero, xa que sodes a ferramenta que serve de plataforma para denunciar estas agresións, á vez que sodes a tribuna dende a que se pode concienciar á sociedade de que esta violencia contra as mulleres é un delito”, destacou a secretaria xeral.

López Abella fixo un repaso pola evolución da información respecto á violencia de xénero nos medios de masas en España, pasando de ser un problema social oculto e privado a tratarse como un problema global, de interese para a opinión pública e explicado dentro do seu contexto.

Sen embargo, alertou da necesidade de non caer na tendencia do dramatismo e o vitimismo á hora de informar sobre este problema e avogou por “abrir o foco” e dar entrada a testemuños de mulleres que lograron saír do círculo da violencia. Dar información positiva e de avance para que as mulleres se animen a denunciar e saiban que hai saída.

Por iso, salientou que nos últimos anos proliferaron as propostas de códigos de boas prácticas no tratamento informativo de cuestións sensibles e destacou que a propia Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, en colaboración co seu departamento, difundiu a finais do ano pasado o Código de Boas prácticas para o tratamento axeitado da violencia de xénero nos medios de comunicación.

“Ofrecer unha información responsable e comprometida é un excelente xeito de combater a violencia de xénero e apoiar as mulleres que a sofren”, concluíu a secretaria xeral, ao tempo que animou aos xornalistas e ás xornalistas presentes a continuar co seu traballo “honesto e responsable”, co que son capaces de transformar a realidade.

A xornada desenvolvese na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e está organizada pola Agrupación de Mulleres Xornalistas de Santiago. Na súa inauguración, ademais da titular de Igualdade da Xunta, tamén participou concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Marta Lois.

Posteriormente, proxectarase o documental “La mujer, cosa de hombres”, de Isabel Coixet, e intervirán as portavoces das asociacións de vítimas de violencia de xénero “Ve-la luz”, “Si, hai saída”, “Plataforma contra a violencia de xénero” e a revista “Andaina”. Ao final da xornada producirase o debate en torno ás fontes de información en violencia de xénero.