A alcaldesa e o concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, reuníronse esta mañá co equipo directivo do grupo empresarial, que conta con instalacións industriais no polígono de Agrela
Rey destacou “a solidez do proxecto industrial de futuro e progreso para A Coruña”
A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, reuníronse esta mañá co equipo directivo do grupo empresarial Resonac Graphite Spain, con instalacións no polígono de Agrela.
No contexto desta visita, Rey e Lage coñeceron de primeira man os plans de expansión da compañía, así como o traballo que se está a desenvolver no recinto industrial, onde traballan algo máis de 180 persoas e está instalada unha planta de produción de electrodos de grafito.
A alcaldesa recalcou “o compromiso e vontade de colaboración do Goberno municipal con Resonac, para continuar avanzando cara a proxectos de desenvolvemento caracterizados pola súa sostibilidade e seguridade”, e destacou “a solidez dun proxecto industrial de futuro e progreso para A Coruña”. “Estamos convencidos de que as futuras iniciativas xerarán máis postos de traballo na cidade, estables e de calidade”, agregou Inés Rey.
A este respecto, a alcaldesa lembrou que a Xunta de Goberno Local xa aprobou, a mediados de outubro de 2022, a concesión de licenza a Resonac Graphite Spain para executar as obras de instalación dun forno de recocción de electrodos na parcela que ocupa o grupo industrial nas inmediacións da estrada de Baños de Arteixo.