A periodicidade das sesións plenarias mantense cada dous meses, así como as retribucións por asistencias a órganos colexiados
O Concello de Lousame celebrou na noite de onte mércores a súa sesión plenaria organizativa na que se deu conta da conformación dos tres grupos políticos municipais: Partido Popular (con Teresa Villaverde de voceira e Esteban Ares e Ramón Manuel Martínez como suplentes), PSOE (con Ana María Domínguez de voceira e Juan José Prego e Iria Insua como suplentes) e Grupo Mixto-BNG (con Anxo Moledo como voceiro).
O pleno aprobou, os 6 votos a favor do PP e os 5 votos en contra dos grupos da oposición, o mesmo réxime de dedicacións do exercicio anterior: unha exclusiva de 40.000 euros brutos anuais para a alcaldesa Teresa Villaverde e dúas parciais, de 16.800 euros cada unha. “A dedicación para a Alcaldía será a mesma ca aprobada pola corporación no mandato anterior mentres que as dedicacións parciais serán de 16.800 euros ata o 31 de decembro de 2023, que pasarán a ser de 21.000 euros”.
A voceira socialista, Ana María Domínguez, xustificou o seu voto negativo no feito de que “serían mellor dúas dedicacións exclusivas porque coas parciais a xente quizais non se sinta tan atendida”. Pola súa banda, o voceiro nacionalista, Anxo Moledo, amosouse partidario de “non subir esas cantidades ás dedicacións parciais e crear unha terceira”.
En canto ás retribucións por asistencia a órganos colexiados serán as mesmas ca no mandato anterior: 100 euros por asistencias a Pleno e 90 euros por asistencias a Xuntas de Goberno Local, Comisións, Mesas de Contratación e Xunta de Concelleiros. Unhas cantidades aprobadas cos votos a favor do PP, os votos en contra do PSOE a abstención do BNG.
Periodicidade das sesións
Outro punto de debate na sesión foi a periodicidade das sesións, xa que o BNG presentou unha emenda na que solicitaba que pasara a ser mensual e se adiantara aos xoves. Tras un receso no que se consultou aos distintos concelleiros de todos os grupos, acordaron por maioría manter as sesións ordinarias o último venres dos meses impares, sendo a primeira sesión desta lexislatura a do mes de setembro. A voceira do PSOE aceptou o compromiso da alcaldesa Teresa Villaverde de que, se houbera algún asunto de entidade no mes inhábil para os plenos, serían tratados nunha Xunta de Voceiros.
O outro punto de debate foi o da creación das comisións informativas, as mesmas ca no exercicio anterior: unha comisión informativa de asuntos de competencia plenaria e unha comisión especial de contas. Ambas as dúas estarán presididas pola alcaldesa Teresa Villaverde, con tres representantes do PP, dous do PSOE e 1 do BNG. O voceiro nacionalista propuxo crear unha Comisión Informativa de Seguimento da Mancomunidade do Barbanza, cuestión que foi rexeitada pola alcaldesa ao indicar que “a Mancomunidade é outro organismo diferente” e recomendarlle que se dirixise á Mancomunidade, ademais de lembrarlle que todos os grupos municipais están representados na Asemblea Xeral.
Organización do Goberno
A alcaldesa de Lousame deu conta da composición da Xunta de Goberno Local cos tres tenentes de alcaldesa: Esteban Ares García, Silvia Agrafojo Filgueira e Ramón Manuel Martínez Rial. A estrutura do Goberno queda organizada en 9 grandes áreas, das que Villaverde asumirá as competencias propias da Alcaldía, Urbanismo e Persoal. As outras áreas de xestión serán asumidas polos tenentes de alcaldesa:
– Esteban Ares García, concelleiro de Economía, Facenda e Tramitación Administrativa.
– Silvia Agrafojo Filgueira, concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Xuventude e Educación e Cultura, ás que suma as competencias en materia de Sanidade e Deportes.
– Ramón Manuel Martínez Rial, concelleiro de Obras Públicas, Servizos Públicos, Alumeados e Telecomunicacións, Infraestruturas Viarias, Seguridade Viaria e Parque Móbil; e de Medio Ambiente, Medio Rural e Protección Civil.
Pola súa banda, acordáronse dúas delegacións especiais. Así, Mariel Agrafojo Nieto será concelleira de Deportes e Parques e Xardíns, dependente da Concellería que dirixe Silvia Agrafojo; e José Antonio Ces Barreiro, concelleiro de Seguridade Viaria, Protección Civil e Parque Móbil, dependente da Concellería que dirixe Ramón Manuel Martínez.
Finalmente, Villaverde Pais deu conta dos representantes do Concello de Lousame nos órganos colexiados:
– Comisión Escolar do CPI Cernadas de Castro: Silvia Agrafojo (titular) e José Antonio Ces Barreiro (suplente).
– Xunta de Goberno da Mancomunidade Serra do Barbanza: Teresa Villaverde Pais.
– Os grupos municipais de PP, PSOE e BNG deberán comunicar por escrito os seus representantes na Asemblea Xeral da Mancomunidade.
– Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade: Silvia Agrafojo (titular) e Teresa Villaverde (suplente).
– Consorcio Galego de Benestar, Teresa Villaverde (titular) e Silvia Agrafojo (suplente).
– Rede de Dinamización Lingüística, Teresa Villaverde (titular) e Silvia Agrafojo (suplente).