Monday 23 de December de 2024

O Concello organiza unha nova edición de “Noite no mosteiro” cun espectáculo de iluminación e música


A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, informou hoxe da celebración dunha nova edición do evento “Noite no mosteiro”, organizado polo Concello e que se celebrará este sábado, día 15, no mosteiro de San Martiño de Xuvia (O Couto). A cita inclúe un espectáculo de iluminación artística interior e exterior do cenobio e música sacra no interior a partir das 22.30 horas.
Hermida explicou que os concertos terán unha duración aproximada de vinte minutos cada un e avanzou que a capacidade do recinto é limitada. Os concertos, con entrada libre, sucederanse ata as 01.00 horas e haberá un descanso entre eles para proceder á renovación do aforo.
“Esta convocatoria permitirá desfrutar dun dos elementos patrimoniais propiedade da igrexa e localizados na cidade de maior relevancia, un mosteiro declarado Ben de Interese Cultural –e que supón un destacado recurso turístico do Camiño Inglés ao seu paso por Narón”, subliñou a concelleira responsable da área.
A edil de Turismo animou á cidadanía a desfrutar desta xornada “nun entorno inmellorable para celebrar este evento, ao que cada ano se achegan numerosas persoas da cidade e tamén procedentes doutros concellos”.