A sala multiusos da Biblioteca Municipal acollerá o vindeiro mércores, día 19, unha charla da viaxeira e cooperante Paula Paz. Así o anunciou a concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro, indicando que a convocatoria dará comezo ás 19.30 horas e está aberta á asistencia da cidadanía en xeral, ata completar a capacidade da sala.
Viaxar soa?” é o título da convocatoria, na que a nedense Paula Paz falará das súas viaxes polo mundo e de cómo afrontar os retos que se presentan no camiño, co humor e as anécdotas máis pintorescas. Paz marchou a vivir a Bolivia durante seis meses cando tiña 21 anos e dende entón viaxou soa como mochileira por varios países de Latinoamérica mentres traballaba como cooperante. Esa faceta da súa vida levouna a Perú, Arxentina, Uruguai, Nicaragua, Guatemala, El Salvador, Honduras, Costa Rica, Panamá, Belize, Cuba e México e percorreu tamén a costa estadounidense.
Unha vez de regreso a España percorreu soa nunha moto de 125 cc toda a península e a súa última viaxe foi hai tan só uns meses a Marrocos, nunha moto de maior cilindrada, de 500 cc. Agora, tal e como avanzou ela mesma, planea novas aventuras con e sen moto e entre os sus primeiros destinos están Turquía e Escocia.
A concelleira de Cultura, explicou que o obxectivo desta charla viaxeira é que Paula Paz conte a súa experiencia persoal, motive e dea ferramentas e confianza ás mulleres que queren viaxar soas e, sobre todo, ás que cren que “non poden”.