Entrará en funcionamento o novo Centro de Atención ás Emerxencias, renovaranse os GES e completaranse os consorcios provinciais de bombeiros
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu no Parlamento galego para dar conta da situación do sistema integrado de atención ás emerxencias de Galicia, destacando que o vindeiro ano 2016 o modelo estará plenamente consolidado e “máis preparado e reforzado” para facer fronte ás emerxencias e ofrecer a mellor resposta aos cidadáns.
Nese sentido, o conselleiro explicou que ao longo do ano que vén estará en funcionamento o novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias- 112 Galicia, situado na Estrada, que se vai converter no núcleo de xestión das emerxencias da comunidade, compartindo recursos coa Academia Galega de Seguridade, servindo de base para a Axencia Galega de Emerxencias e coordinando a xestión de todas as emerxencias que se produzan en Galicia.
Nesa liña de buscar a maior eficacia na xestión das emerxencias, o responsable da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza tamén fixo especial fincapé na Rede Dixital de Emerxencias de Galicia, dotada con tecnoloxía Tetra e que se configura como unha ferramenta de extraordinaria importancia para garantir a comunicación e a coordinación.
Convocatoria ás deputacións
Así mesmo, Rueda explicou que o vindeiro ano estará pechado e a pleno rendemento o mapa de emerxencias de Galicia, que contará con catro consorcios provinciais no que se integran un total de 25 parques de bombeiros. A este respecto, recordou que a competencia nesta materia é dos concellos e subsidiariamente das deputacións; aínda que a Xunta participa decisivamente no seu sostemento, ata un mínimo do 50 por cento nos consorcios provinciais.
Nesa liña, o vicepresidente da Xunta recoñeceu a súa preocupación por distintas manifestacións ao respecto do futuro do sistema e amosouse disposto a falar coas Deputacións Provinciais para que se pronuncien claramente sobre que modelo propoñen. “A Xunta está aberta a calquera suxestión, estamos dispostos a escoitar calquera proposta”, enfatizou Rueda, que apelou aos que piden cambios para que os propoñan e que tamén os expliquen aos traballadores. E ademais avanzou que se a proposta fose máis económica e igual de eficaz, a Xunta non dubidará en apoiala.
Seguindo co repaso pola situación dos efectivos que fan fronte ás emerxencias, referiuse aos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), un modelo que complementa aos bombeiros e que ofreceu un salto cualitativo na cobertura e na operatividade e cuxa continuidade está garantida pola Xunta. De feito, xa iniciou as conversas coa Fegamp para consolidar o servizo e amplialo a un abano máis amplo de labores.
Entre outras, proponse ampliar os terreos susceptibles de desbrozarse para previr incendios; intervir en situacións derivadas de riscos naturais, nevaradas, inundacións, xeadas, etc; e tamén actuar ante situacións como a retirada dos niños de vespa velutina.
En canto aos voluntarios de Protección Civil, destacou a aprobación dun novo decreto regulador da Comisión Galega de Protección Civil, o decreto de uniformidade e, sobre todo, un investimento sen precedentes en novo equipamento operativo, que se adquiriu este exercicio en función das necesidades manifestadas polas propias agrupacións e que as coloca como unhas das mellores preparadas de todo o Estado.
Ariem e formación
Finalmente, o vicepresidente da Xunta tamén se referiu ao proxecto Ariem, unha iniciativa transfronteiriza que maximiza a eficiencia na xestión das emerxencias que se producen na fronteira entre Galicia, norte de Portugal e Castela e León, establecendo protocolos de actuación conxunta e unha aplicación que permite solicitar axuda, así como un catálogo de recursos e a realización de simulacros e formación.
Por último, tampouco quixo pechar a súa comparecencia sen facer referencia á importancia da prevención e da formación. Así, destacou a importancia da labor formativa que está a levar a cabo a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e sobre a existencia de instrumentos de planificación adaptados ás circunstancias máis complexas, entre os que citou os distintos plans de emerxencias.