O novo goberno do PP facilitado por Somos Cabanas dá as costas ás reivindicacións das propietarias das Fragas do Eume
Vista a información publicada hoxe en “La Voz de Galicia”, que recolle a confirmación por parte do Concello de Cabanas de que non respalda ás propietarias das Fragas do Eume no recurso contra o Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) das Fragas do Eume, o BNG de Cabanas quere amosar a súa fonda preocupación.
“En menos dun mes, o novo goberno do PP – que Somos Cabanas fixo posíbel – decidiu dar as costas ás mobilizacións contra o PRUX que están a ter estes días, e que o Concello de Cabanas decidiu non apoiar”, sinalan desde o BNG de Cabanas.
Lembran que desde a área de medio ambiente – xestionada polo BNG no anterior mandato – fíxose un intenso traballo por dar apoio ás reivindicacións do pobo de Cabanas na defensa do interese e na defensa do entorno.
“Fixémolo co Parque Eólico Caaveiro, cunhas alegacións que foron cruciais na denegación do permiso para a súa instalación; fixémolo na comisión polos verquidos no Eume, enfrontándonos a Endesa e á Xunta na defensa da fauna, da ría e do banco marisqueiro; e fixémolo tamén co PRUX das Fragas do Eume, defendendo que se pode conxugar a protección ambiental e os dereitos das veciñas e propietarias”, sinalou o voceiro municipal do BNG, Iago Varela.
Conclúe o BNG que “as causas xustas sono independentemente de gobernar ou non”, e que a organización nacionalista vai seguir “ao lado da veciñanza, apoiándoa na súas reivindicacións” e reivindicando “un Concello aberto e que sirva de ferramenta na defensa dos intereses colectivos”.