A alcaldesa denuncia que “os cortes son continuos e impiden que se poida traballar nin dende a Administración, nin dende as empresas nin dende casa, ademais dos danos que provoca nos electrodomésticos”
O Concello de Lousame enviará sendos escritos de queixa ás empresas subministradoras que prestan servizo no municipio e á Xefatura Territorial de Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de A Coruña para denunciar a precariedade no subministro eléctrico que se presta en Lousame e os prexuízos que causa á Administración, ás empresas e á veciñanza en xeral.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “levamos varios días con cortes intermitentes de subministro eléctrico que causan danos nos electrodomésticos, que impiden que a xente poida teletraballar ou estudar dende as súas vivendas e que dificultan o traballo tanto nas empresas e no propio Concello de Lousame”. De feito, hoxe mesmo en Portobravo tiveron que soportar varios cortes puntuais, de entre poucos segundos e varios minutos, e un de longa duración ás 14:30 horas de case unha hora.
“Queremos coñecer a razón destes cortes do servizo”, sinala Villaverde Pais, “e se son por que se están facendo arranxos ou calquera tipo de actuación esiximos que se dea primeiro traslado ao Concello de Lousame, para que cando menos poidamos informar aos nosos veciños e veciñas da situación e poidan estar alerta”. “Non sei cal será o problema desta vez pero teñen que arranxalo porque aquí todos pagamos as facturas e temos dereito a recibir un servizo en condicións dignas”, conclúe Villaverde Pais.
Unha semana de cortes
Estes pequenos cortes do subministro eléctrico veñen producíndose en Lousame dende a semana pasada. Se daquela a parroquia máis afectada foi Tállara, nesta semana a maior incidencia tense producido na parroquia de Lousame, especialmente na capital municipal, Portobravo, onde ademais da Casa do Concello están emprazadas instalacións máis sensibles como poden ser o centro de saúde ou o centro de día, ademais da farmacia e da Casa da Cultura.
No caso concreto da Casa do Concello, este tipo de interrupcións eléctricas teñen queimado catro SAIs (sistema de alimentación inninterrompida) e teñen danado de forma considerable o único caixeiro automático instalado no municipio. De feito, dende a empresa mesmo chegaron a plantearse a retirada do caixeiro, debido aos danos que estaba sufrindo.