Saturday 16 de November de 2024

Catro barrios da Coruña celebran esta fin de semana as festas do Carme con música tradicional, gastronomía ou verbena


Os Castros, Feáns, Mariñeiros e O Portiño acollen festexos este sábado e domingo

Esta fin de semana celebraranse en catro barrios da cidade as festas do Carme. Trátase de Feáns, Os Castros, Mariñeiros – Peruleiro e San Pedro de Visma – e O Portiño. O Concello da Coruña, a través da súa área de Fomento e Promoción da Cidade, organiza estes catro festexos que forman parte do programa de Festas nos Barrios.

Por unha banda, as festas dos Castros estarán organizadas en colaboración coa Asociación veciñal Oza- Gaiteira- Os Castros e incluirán dúas xornadas de ocio variado. O sábado 15 de xullo, ás 11.30 horas comezarán os festexos coa ruada e alborada a cargo de Latexo. A partir das 12.30 horas, no parque de San Diego, haberá actuación de Circo Chosco Forzu2 e un encontro de corais. Xa pola tarde, a partir das 18.00 horas, haberá animación na rúa con Animacreques e música e títeres con Os Monifates en diferentes puntos do barrio. Pola noite, a partir das 22.00 horas, haberá verbena no parque de San Diego con The Tetas Van e Dúo Eva e Camilo.

A xornada do domingo, que se desenvolverá no parque de San Diego, comezará ás 11.30 horas coa actuación do Trío Detrés. Ás 14.00 horas haberá actuación de Paco Nogueiras. Xa ás 19.00 horas haberá unha actuación da Asociación Cultural Donaire. As festas dos Castros rematarán ás 22.00 horas co concerto de Banda Xangai & Quinkillada.

En Feáns os festexos tamén serán sábado e domingo. A primeira xornada comezará cunha sesión vermú coa orquestra Acordes, que tamén actuará a partir das 23.00 horas xunto co
Dúo Maracaibo. Pola tarde, a partir das 17.00 horas, haberá xogos infantís no campo da festa e ás 20.30 horas haberá unha actuación de música tradicional. O domingo tamén comezarácon actuación tradicional ás 12.00 horas. Ás 14.30 horas comezará a sesión vermú coa ctuación tradicional ás 12.00 horas. Ás 14.30 horas comezará a sesión vermú coa orquestra Los Españoles, que actuará na verbena da noite, a partir das 23.00 horas. Pola tarde haberá unha nova actuación musical ás 20.30 horas.

Nos Mariñeiros–Peruleiro os festexos serán durante a xornada do sábado e comezarán cunha sesión vermú a cargo do Dúo Maracaibo a partir das 13.30 horas. Ás 17.30 horas haberá xogos infantís e festa da escuma e ás 22.00 horas comezará a verbena con Aixa Romay e grupo. Pechará as festas unha sesión de fogos de artificio a partir das 23.50 horas.

Por último, o domingo celebraranse as festas de San Pedro de Visma–O Portiño. Ás 18.00 horas e tras a misa e a baixada en procesión amenizadas pola coral Follas Novas e o grupo de gaitas Cántigas da Terra haberá unha procesión marítima e fogos artificiais. Ás 18.30 horas celebrarase unha sardiñada popular e ás 19.00 horas actuará o Dúo D’Vicio.

O Goberno de Inés Rey continúa apostando pola dinamización cultural dos barrios da cidade promovendo a celebración das súas festas tradicionais. O Concello está en constante contacto con entidades veciñais e culturais para promover este tipo de encontros durante todo o ano.