A alcaldesa interveu na apertura da mostra ‘A Coruña no tempo’, que estará na Sede de Afundación ata o mes de agosto
Reivindicou A Coruña como clave na historia de Galicia por ser a primeira institución pública en ondear a bandeira de Galicia
A alcaldesa, Inés Rey, interveu esta mañá na apertura da mostra ‘A Coruña no tempo’, que aborda a historia de Galicia desde o punto de vista da cidade. Rey reivindicou A Coruña como clave na historia da Comunidade por ser a primeira institución pública en celebrar o día de Galicia. “Foi o 25 de xullo de 1921 cando a bandeira galega luciu por primeira vez no Palacio de María Pita, converténdose tamén na primeira vez en lucir nun edificio institucional” explicou.
A mostra enmárcase no proxecto ‘Cidades do Tempo’ que explica a historia de Galicia a través das sete cidades galegas, programando unha exposición en cada unha delas. “Esta exposición fai algo tan importante como darlle á memoria urbana de Galicia o lugar que merece no noso relato común e que A Coruña sempre defendeu” sinalou Rey.
A rexedora agradeceu á Afundación de Abanca a iniciativa e deulle os parabéns ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, por levala a cabo: “Agradezo felicitar a Xunta de Galicia cando aposta pola Coruña, como é o caso” sinalou a alcaldesa. Rey citou a Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Luis Suárez como referentes da historia na Coruña e trasladoulle o seu recoñecemento ao comisario, Manuel Gago, e a todo o equipo que colaborou no proxecto. A mostra poderase visitar na Sede de Afundación ata o mes de agosto.