O Concello de Oroso culmina mañá a súa programación de actividades co gallo da conmemoración do 25 de novembro como Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Será cunha sesión especial de contacontos sobre igualdade no centro cultural de Sigüeiro, a partir das 18:30 horas. A representación ‘Contos vellos, novos finais’, de Caxoto Contacontos, é de entrada libre e de balde e a ela poderán asistir todos os nenos e nenas do municipio.
Esta función reinterpreta contos tradicionais desmontando os estereotipos de xénero cos que a miúdo están impregnados, dun xeito emotivo e divertido, adaptado aos cativos de tres a doce anos de idade. Na súa programación do 25-N, o Concello de Oroso fixo especial fincapé na sensibilización dos máis novos para erradicar o sexismo. De feito, o pasado 16 de novembro o alumnado do IES de Oroso asistiu tamén á representación da obra de teatro ‘Pementeiras, unha historia de empoderamento’ nas instalacións do propio centro educativo.
Outra das propostas que fixo de novembro o mes contra a violencia de xénero é o obradoiro gratuíto de autodefensa para mulleres, que se desenvolveu todos os mércores do mes no complexo deportivo Juanito Amigo de Sigüeiro. As trinta veciñas participantes aprenderon técnicas de artes marciais para poder defenderse ante calquera perigo ou ameaza. O obradoiro, baixo o lema ‘Cambia a túa actitude’, deulle continuidade ao curso de autoprotección para mulleres organizado xa o ano pasado.