Na Xunta de Goberno Local tamén foi concedida a licencia urbanística para a construción dunha nave no parque empresarial.
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse presentar á Xunta de Galicia un novo proxecto de programa integrado de emprego ao abeiro da convocatoria de subvencións da Consellería de Emprego e Igualdade para o desenvolvemento deste tipo de iniciativas dirixidas á mellora da ocupabilidade e a inserción laboral das persoas en situación de desemprego.
Despois das boas experiencias dos últimos anos nas que se desenvolveron iniciativas de similares características, o Concello aspira a realizar este novo programa que iría dirixido a cen persoas. Os participantes serían informados, orientados e asesorados na busca de emprego con entrevistas individualizadas e, a continuación, recibirían formación transversal en diversas materias e específica en especialidades concretas en diferentes sectores con demanda de profesionais cualificados. Por último, realizarían prácticas profesionais non laborais en empresas colaboradoras.
Este programa deséñase polo Concello coa pretensión de aproveitar as oportunidades laborais que ofrece o termo municipal da Laracha e o seu entorno en sectores con crecente demanda de perfil profesionais. As accións formativas serían orientadas cara eses ámbitos, acompañando aos participantes nos seus itinerarios individualizados para aumentar as súas capacidades. O obxectivo final sería acadar unha inserción laboral dun mínimo do corenta e un por cento.
O proxecto deste novo programa integrado de emprego que se pretende desenvolver na Laracha presenta un orzamento de 220.000 euros.
Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou conceder a licencia urbanística para a construción dunha nova nave no polígono industrial da Laracha que será destinada a actividade de almacén dunha empresa do sector da construción.
O Concello expresa a súa satisfacción por conceder esta licenza urbanística que permitirá continuar enchendo de actividade o parque empresarial e crear novas oportunidades para beneficiar o movemento económico e xerar emprego no termo municipal da Laracha.