Friday 22 de November de 2024

O Concello habilita a primeira área deportiva de calistenia do Barrio das Flores, situada na contorna do pavillón polideportivo municipal


Xa están dispostas diversas estruturas e circuítos de adestramento como barras de argolas, elevacións en forma de serpe, barras de elevacións e unha monkey-bar

O Concello da Coruña completou o pasado venres os traballos de construción da primeira área deportiva de calistenia no Barrio das Flores, que xa está á disposición da cidadanía.

As obras comezaron en xuño na zona axardinada situada na parte posterior do polideportivo municipal do barrio, onde se instalaron as novas estruturas de exercicio. Como paso previo á disposición das mesmas, executouse a remoción de terra necesaria para, xa a continuación, dar forma ao pavimento de area sobre o que se habilitou a área de calistenia.

Este novo recinto destinado á práctica deportiva ao aire libre ten unha superficie total de 104 metros cadrados.

As novas estruturas inclúen diversos circuítos de argolas, abdominais e flexións

Na nova área de calistenia do Barrio das Flores están xa habilitadas diversas estruturas e circuítos de adestramento como barras de argolas, elevacións en forma de serpe, un banco de abdominais recto e outro inclinado, paralelas americanas, barras de elevacións, unha parede sueca, un sector de flexións en triple francesa e unha monkey-bar.

A este respecto, e ao igual que nas áreas de calistenia abertas anteriormente polo Goberno de Inés Rey na contorna da praia de Oza e a rúa Alcalde Jaime Hervada, no Ventorrillo, dispuxéronse paneis informativos para orientar ás persoas usuarias sobre os respectivos usos das estruturas deportivas.

O recinto está acoutado por travesas de madeira e, ademais, no contexto da intervención, os servizos municipais levaron a cabo unha actuación conxunta para dotar a contorna de novo mobiliario urbano, con máis bancos para o lecer da veciñanza.