Friday 22 de November de 2024

Continúan as actividades do Orgullo 2023 na Coruña con obradoiros e música


Mañá ás 19.00 horas celébrase o primeiro dos dous obradoiros gratuítos que terán lugar no Espazo Diverso do Centro Cívico da Cidade Vella

O sábado terá lugar a Feira das Asociacións LGTBI+ e o Orgullo LES, coa festa de ‘Marcelas e Elisas’

A Coruña continúa as celebracións con motivo do Orgullo 2023, que comezaron a finais do mes pasado coa apertura da exposición ‘Álbum familiar’ da fotógrafa coruñesa Lestonnac Ibáñez e o primeiro ‘Ventorrillo orgulloso’, unha iniciativa veciñal que, co apoio do Concello, utiliza a arte e a festa para contribuír á visibilización do colectivo LGTBI+. Tamén o Atlantic Pride encheu a Coruña de orgullo esta pasada semana, con oito días de música e artistas nacionais e internacionais para celebrar a diversidade.

A seguinte cita da programación do Concello da Coruña con motivo do Orgullo LGTBI+ é mañá, ás 19.00 horas, no Centro Cívico da Cidade Vella. Trátase do primeiro dos dous obradoiros gratuítos programados no Espazo Diverso. A escritora Lucinda Rey Escribano será a encargada de conducir a actividade, que baixo o título ‘É un orgullo romper os meus medos contigo’ achegarña ferramentas para controlar a vulnerabilidade, identificar e etiquetar situacións que nos impiden avanzar e xestionar situacións de dependencia. O segundo dos obradoiros terá lugar o vindeiro sábado 22 de xullo, cun taller de debuxo que impartirá a tatuadora Greta Debelius.

A programación continúa esta fin de semana coa feira das asociacións LGTBI+, organizada polas diferentes entidades da cidade para ofrecer información sobre a súa labor no tecido asociativo. Será o sábado 15 de xullo, a partires das 10.30 horas da mañá na praza de Lugo. Ás 13.00 horas concluirá coa actuación musical dos coros Coruña Cores e Cantabile.

As celebracións continúa pola tarde na Fundación Luís Seoane coa festa ‘Marcelas e Elisas’, o tradicional orgullo lésbico organizado por LES Coruña. A partir das 20.00 horas a Fundación acollerá o concerto de ‘La Negri’ e posteriormente unha sesión a cargo de ‘DJ Lola la Yaya’.

Últimas actividades do Orgullo

Os días 18, 19 e 20 de xullo terá lugar a proxección de tres filmes de temática LGTBI+ nomarco do ciclo Cinema con Orgullo. A primeira das proxeccións será ‘20.000 especies de abellas’, de Estíbaliz Urresola, premiada no Festival de Málaga e na Berlinale. Completan o ciclo a película arxentina ‘Cros Dreamers’ e ‘Alex&Munchie’, da directora e activista galega Carme P.G Granxeiro. Todas as proxeccións son ás 22.00 horas ao aire libre no Campo da Leña.

Estas serán as últimas actividades con motivo do orgullo, xunto co obradoiro de de debuxo o día 22 no Espazo Diverso. O Concello da Coruña pechará así catro semanas de programación con motivo do Orgullo LGTBI+, organizadas en colaboración coas entidades da cidade para o apoio e visibilización do colectivo.