Saturday 16 de November de 2024

Catro formacións actuarán este sábado no “XXXII Festival internacional de folclore” organizado polo Padroado da Cultura


A cidade acollerá o vindeiro 8 sábado, día 15, a XXXII edición do Festival Internacional de Folclore organizado polo Concello de Narón que se celebrará a partir das 21.00 horas no parque de Freixeiro (en caso de choiva será no Pazo da Cultura). Nesta convocatoria actuarán, tal e como indicou a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, a Banda de Gaitas e o Grupo de Baile Tradicional Alxibeira do Padroado da Cultura de Narón, o conxunto de danza folclórica Veselin Maslesa, Banja Luka (Bosnia e Hercegovina), o grupo folclórico de Cantantes e Balhados da Relva (Illas Azores) e a Asociación de danzas folclóricas Paca Briceño (Cádiz).
O Grupo de música e baile tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón, está integrado por bailadoras e bailadores de entre 15 e 30 anos, que comparten o interese pola recuperación das tradicións culturais galegas. O grupo constituíuse no ano 1986 con persoas de diversas escolas de baile tradicional do Padroado con obxectivos, entre outros, como a posta en valor do folclore e costumes de Galicia. A Banda de Gaitas do Padroado da Cultura parte da Escola Municipal de Gaita, no ano 1982 e tres anos máis tarde, en 1987, inicia o seu traballo coa renovación de gran parte da súa formación orixinal. Está integrada por 45 intérpretes de diferentes idades e aposta tamén por salvaguardar e difundir a música tradicional galega.
En canto ao grupo Veselin Maslesa, de Bosnia e Hercegovina, fundouse no ano 1948 como unha organización de voluntarios preocupados pola cultura popular tradicional e a arte popular que, ao longo dos anos, desenvolveu outras formas de actividades culturais e artísticas.
Estará tamén en Narón o grupo folclórico de Cantares e Balhados da Relva, de Illas Azores, creado na Freguesía da Relva no ano 1976 como Grupo Xuvenil Relvense e encamiñado ás áreas do deporte e a cultura. Na actualidade é Organismo de Utilidade Pública e Membro da Federación do Folclore Portugués, entre outros.
A cuarta formación presente neste evento, será a Asociación de Danzas Folclóricas de Cádiz Paca Briceño, constituída en 1992 con membros procedentes doutras agrupacións de danzas da capital gaditana e mozas e mozos vencellados ao mundo do folclore. En 2004 pasa a adquirir o seu actual nome –antes era a Asociación de Danza Folclóricas Cidade de Cádiz- e está integrada por unhas 40 persoas.
Ferreiro destacou que “este festival é un dos eventos culturais máis consolidados na cidade, cun marcado carácter internacional que nos permite seguir apostando por conservar e difundir as nosas tradicións culturais e tamén coñecer as doutras comunidades e países, o que supón sempre un enriquecemento”. A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura animou á cidadanía a asistir a esta covocatoria.