As festas comezan oficialmente na Pobra do Caramiñal co Carme do Castelo, a primeira das tres celebracións nas que se mergulla o municipio durante a época estival. Novamente, Concello e comisión de festas unen forzas e lanzan un programa que se desenvolverá nesta fin de semana cun evidente carácter relixioso, sen esquece-lo compoñente cultural e lúdico.
Durante o acto de presentación, o alcalde José Carlos Vidal, reiterou o apoio da Administración local a todo o tecido asociativo e, nomeadamente, ás tres comisións de festas que operan na localidade para manter vivas as tradicións e dinamiza-lo concello con actividades sempre acordes á propia idiosincrasia de cada evento e que son exemplo de pluralidade. A esta respecto, manifestou que o Concello colabora con esta cita a nivel loxístico e económico mediante o outorgamento dunha subvención nominativa por un importe de 8.000 euros.
Con relación a isto, a concelleira Patricia Lojo, explicou que se continúan buscando fórmulas co obxectivo de alivia-lo inxente labor das entidades organizadoras de percorre-las vivendas para a recadación de cartos, polo que, neste ano, optouse por incrementa-la achega económica a todas elas: Carme do Castelo, Carme dos Pincheiros e Nazareno.
Tamén asistiron representantes da comisión de festas do Carme do Castelo: o seu presidente, José María Abuín; o tesoureiro, Ricardo Santamaría; e Mari Carmen Miranda, Juan Manuel Fernández e Manuel Olveira en calidade de vogais. O presidente destacou a diversidade desta axenda e agradeceu a colaboración da cidadanía, empresas e Administración local para que sexa unha realidade.
As bombas de palenque anunciarán ás 12.00 horas do venres 14 o inicio dos festexos para, ás 20.30 horas, asistir na Covecha á sardiñada amenizada por Arrancadeira e As Rianxeiras da Covecha. Poderase seguir desfrutando da música a partir das 21.30 horas co concerto de Os Bar Ban Sónicos, na praza Paulino Santos Mieites, e con Dr. Migraña & The Speedyfriends, na praza do Emigrante, ás 23.30 horas.
O folclore galego protagonizará a xornada do sábado 15 que espertará con bombas de palenque e alboradas a cargo de Pequenos do Barbansa, Os Jaitas Blue, Andavía e Trécola. A música tradicional seguirá soando coa actuación de Arrancadeira no adro da igrexa do Castelo, ás 12.45 horas, e, pouco despois, collerá a batuta a Banda-Escola de Música de Rianxo nos Xardíns de Valle-Inclán, das 13.00 horas en diante. Na noite, o ritmo virá marcado polo VII Festival Folk que terá lugar na praza Alcalde Segundo Durán, a partir das 22.00 horas, coa participación das Pandeireteiras Aldomir da A. C. A Mámoa de Luou, Faíscas da Pontraga, Tiruleque e A Requinta da Laxeira.
Dende ben cedo, as bombas de palenque avisarán do derradeiro día de festexos, domingo 16. Haberá tamén alboradas, desta vez, con Os Liantes, Pequenos do Barbansa, Xiada, Río de Anxo e Trécola. A acción trasladarase aos Xardíns de Valle-Inclán, ás 13.00 horas, coa Banda de Música Ateneo Musical da Pobra que terá nova sesión, ás 22.00 horas, no Cantón da Leña. Pola tarde, ás 19.00 horas, oficiarase a misa solemne na honra da Virxe do Carme na igrexa parroquial de Santiago da Pobra do Deán e, deseguido, sairá a procesión marítima. E a orquestra Os Supremos asumirá o rol de poñer a todo o mundo a bailar na praza Alcalde Segundo Durán, das 23.00 horas en diante.
En caso de chuvia, tódalas actuacións musicais, agás a orquestra, se desprazarán a un toldo situado na praza do Emigrante.
A novena celebrarase no referido templo ata o día 15, ás 19.30 horas.