Saturday 16 de November de 2024

A Mancomunidade de Ordes conmemora o ‘Día Internacional da non Violencia contra a Muller’


As redes sociais e TIC son os ámbitos escollidos este ano para traballar en prol da causa, especialmente coa poboación estudante e o seu contorno familiar

Este ano a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes escolleu as redes sociais como vehículo para informar e sensibilizar na repulsa da violencia contra as mulleres e para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da non Violencia contra a Muller.

Unha vez máis o CIM foi o ente encargado de desenvolver un amplo programa que abrangue diversos aspectos. Neste sentido organizouse o concurso “Comparte, fai que a vexan” para concienciar sobre o poder das TIC como instrumento que favorece a violencia contra as mulleres ou, ao contrario, como instrumento para combatela. O concurso ten dúas categorías: unha de imaxes publicadas en Facebook e outra de chíos publicados en Twitter. A primeira dirixida á poboación de 14 anos ou máis idade, ten como gañadora a Martahari MeRayo. No caso dos chíos o gañador foi Alex Estévez con: “#CIMdeOrdes A violencia de xénero non pode ser un segredo…#compartefaiqueavexan” a cal estaba dirixida ao alumnado de educación secundaria e bacharelato da comarca de Ordes. Ambos obtiveron como premio unha tableta Samsung Galaxy. A imaxe gañadora servirá para elaborar un cartel conmemorativo que se distribuirá en distintas plataformas e espazos públicos. Un concurso que ten lugar no marco do programa que leva o mesmo nome e que se está desenvolvendo en colaboración coa comunidade educativa, contando con máis de setenta sesións nas que en moitos casos tamén participan as familias do alumnado. Unha iniciativa que se pode seguir a través das seguintes plataformas dixitais: programacomparte.blogspot.com.es, www.facebook.com/comparte.faiqueavexan, twitter.com/ProgramComparte.

Manual de prevención
Co fin de sensibilizar sobre outro exemplo de violación dos dereitos humanos de mulleres e nenas distribuirase o ‘Manual de prevención da mutilación xenital feminina. Boas prácticas’, editado pola Confederación Nacional de Mulleres en Igualdade, subvencionada polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e cofinanciada polo Fondo Europeo para a integración. Faranse chegar máis de 100 exemplares deste material aos concellos da Comarca de Ordes para que o poidan distribuír mañá, 25 de novembro, entre a poboación en xeral e dende os lugares de interese do municipio: centros educativos, bibliotecas municipais, entidades etc.

Co fin de que a loita contra esta lacra non se reduza a actos conmemorativos illados difundiremos un chamamento á loita contra a violencia ás mulleres. Este documento darase a coñecer través das redes sociais do CIM e remitirase ás entidades locais por se queren sumarse a esta declaración.

Ademais, mañá concluirá o curso de alfabetización básica que se está a desenvolver en colaboración co Plan Galego de Inclusión de Galicia. Aproveitaremos este espazo para organizar un acto simbólico xunto coas 15 persoas participantes.