• O primeiro extraordinario, celebrado esta mañá e presidido por Valentín Calvín, aprobou dúas dedicacións parciais ao 40% e a creación dun posto de persoal eventual
O Salón de Plenos da Casa do Concello de Ortigueira acolleu esta mañá o primeiro pleno do novo mandato, tras o cambio de goberno que se concretou o pasado 17 de xuño coa investidura de Valentín Calvín como alcalde.
O rexedor dirixiu esta sesión plenaria extraordinaria, na que se deu conta do novo equipo de goberno. Un executivo municipal que está composto por seis concelleiros (incluído o propio alcalde): cinco do Partido Popular e a concelleira de Xunto a ti, Isabel Rego, que formará parte do Grupo Mixto xunto ao edil do BNG.
Así, a distribución das áreas de traballo queda composta da seguinte maneira:
• Valentín Calvín: Alcaldía, Persoal, Seguridade e Festival do Mundo Celta.
• Ana Cartelle: Cultura, Saúde e Educación. Primeira tenienta de alcalde.
• Jaime Ponce: Urbanismo, Medio Ambiente e Medio Rural. Segundo tenente de alcalde.
• José Antonio Monteagudo: Facenda, Economía e Deportes.
• Elisa Dorna: Servizos Sociais e Igualdade.
• Isabel Rego: Turismo e Patrimonio.
Dentro desta distribución, haberá dúas dedicacións parciais ao 40%: unha para o edil de Urbanismo, Medio Ambiente e Medio Rural. A outra, para o responsable de Facenda, Economía e Deportes. Así mesmo, foi aprobada a creación dun posto de persoal eventual que exercerá labores de asesoría da Alcaldía.
Deste xeito, o novo equipo de goberno arrincou ‘oficialmente’ o mandato -aínda que xa leva traballando desde a sesión de investidura- coa intención de ser “transparente e eficiente”. Precisamente para desenvolver esa eficiencia aprobouse que a periodicidade de reunións deste órgano sexa semanal. Estará composto por tres concelleiros do PP, dous do PSOE, un de Primeiro Ortigueira e outro do Grupo Mixto.
A maiores, a nova corporación traballa en concretar “canto antes” a Xunta de Portavoces. Así mesmo, o pleno aprobou unha periodicidade dos plenos ordinarios con carácter bimensual os meses impares, ás 20:00 horas nun día para determinar a proposta da Alcaldía.