Responde así ao recurso presentado polas concelleiras do PP María Belén Trigo e Esther Díaz, que deberán asumir as costas. Ambas edís apelaron xa a resolución do Contencioso.
O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº1 de Ferrol acaba de fallar a favor do Concello de San Sadurniño no recurso presentado polas concelleiras do PP María Belén Trigo e Esther Díaz no que solicitaban a anulación do acordo plenario que rexeitou expedientar aos membros do goberno local que en 2007 asinaron o convenio urbanístico coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño. As representantes populares pretendían que as persoas integrantes do bipartito daquel entón -Secundino García, Manolo Varela, Mari Carme Muíño, Suso Soto, Pepe Gudín e o socialista Fernando Márquez- respondesen co seu patrimonio polas indemnizacións pagadas á entidade en concepto dos terreos ocupados hoxe polo arboreto, a horta de froiteiras e o Centro de Día. O xulgado avalou o procedemento seguido polo Concello na tramitación da demanda das edís do PP e, ademais, imponlles a Belén Trigo e Esther Díaz as costas do recurso fallido, contra o que xa presentaron apelación a través da súa letrada.
Foi en decembro de 2021 cando o PP solicitou por escrito que o equipo de goberno asinante daquel acordo respondese “solidariamente” co seu patrimonio persoal polo custe que lle supuxo ao consistorio o pagamento duns 283.000 euros polos predios rústicos que se incluíran no convenio, segundo a contía valorada polo xulgado a raíz dunha demanda interposta pola entidade en liquidación.
Á petición popular déuselle curso acordando no pleno de marzo de 2022 a apertura dun período informativo no que se recabaron informes xurídicos do secretario municipal e da asesoría externa contratada polo consistorio, que en ambos casos determinaron que na actuación dos membros do goberno non existira o “dolo, culpa ou neglixencia grave” esgrimida polas concelleiras do PP e que tampouco se produciran danos patrimoniais nin para o Concello nin para a cooperativa, posto que os terreos rústicos foron pagados a prezo de mercado (os urbanos aínda están pendentes de valoración xudicial).
En base a estes informes, nun pleno celebrado un mes despois acordouse non iniciar o expediente de responsabilidade patrimonial solicitado por María Belén Trigo e Esther Díaz, pero non polo concelleiro José Luís Hermida, con intereses na Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño como liquidador da mesma.
Porén, a cousa non parou aí. E é que despois de que o asunto esgotase o seu percorrido plenario, as concelleiras do PP presentaron un recurso Contencioso Administrativo no xulgado de Ferrol demandando “a nulidade ou anulabilidade” do acordo da corporación e insistindo en que o Concello debería ter iniciado de oficio o expediente de responsabilidade patrimonial contra os membros do goberno que asinaran en 2007 o convenio urbanístico coa cooperativa.
A Sala do Contencioso-Administrativo nº1 notificoulles ás partes o seu fallo hai pouco máis dun mes. Nel desestima integramente o recurso das dúas edís do Partido Popular “por non apreciar o vicio de nulidade nin anulabilidade invocadas”.
A sentenza non entra a valorar o trasfondo da cuestión e céntrase en debullar aspectos procedimentais nos que se recalca a competencia do pleno para abrir un período informativo previo (ao respecto das circunstancias da sinatura e posterior anulación do convenio), así como a súa potestade para decidir sobre o inicio ou non do expediente que demandaban as concelleiras do PP.
Ademais de desestimar o recurso, o xulgado tamén lles impón ás edís do Partido Popular as costas por honorarios, co límite de 700 euros. Segundo informou hoxe a representación xurídica do Concello, ambas concelleiras presentaron hai uns días recurso de apelación.
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, mostrouse satisfeito polo sentido da sentenza, cualificándoa de “pau para as concelleiras do Partido Popular”. O rexedor reiterou que o Concello “deu os pasos que tiña que dar, axustados á legalidade e ao interese público” tanto na tramitación da solicitude das edís do PP como antes, en 2007, cando se asinou o convenio urbanístico coa Cooperativa “que permitiu dispor dos terreos para o arboreto e a horta de conservación da Cortiña, pero sobre todo para a construción do Centro de Día, un servizo que o tempo demostrou moi necesario e fundamental para o territorio”.
O alcalde criticou con dureza que as representates populares acudisen “sen éxito” ao xulgado “co único obxectivo de desgastar ao goberno a un ano das eleccións”. “A estratexia falloulles -prosegue García-, pero para nós o máis grave é que caesen tan baixo, xudicializando e enlamando a vida pública, atacando desa maneira a persoas que somos as súas veciñas e veciños e que no seu momento fixemos o que consideramos máis conveniente para o ben común”.