A biblioteca carballesa foi seleccionada entre centos de proxectos de todo o estado
A Biblioteca Rego da Balsa vén de conseguir o seu cuarto premio no Concurso de proxectos de animación á lectura María Moliner, unha iniciativa do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para distinguir ás bibliotecas de municipios de menos de 50.000 habitantes “que leven a cabo un proxecto único que inclúa as accións da animación á lectura, a eficiencia e o labor bibliotecarios, a integracións social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías”. E a verdade é que esta definición axústase á perfección ao programa que vén desenvolvendo a Biblioteca Rego da Balsa desde a súa apertura, o 24 de outubro do 2014.
A nosa biblioteca presentouse ao concurso co proxecto Libros de Carballo, que recompila as case 150 actividades desenvolvidas no último ano para a promoción da lectura entre todos os sectores da sociedade. Precisamente o domingo rematou no xardín municipal a Praza dos Libros, que, a falta de coñecer os datos definitivos, semella que foi a mellor das que se levan celebrado, e o luns abriu as súas portas en Razo A Praia dos Libros, a única bibliopraia da Costa da Morte.
A Biblioteca Rego da Balsa programa actividades para públicos de todas as idades, colabora con centros educativos e entidades locais, promociona aos artistas e intelectuais da contorna e desenvolve unha intensa comunicación coa sociedade por medio de diferentes canles, entre eles as redes sociais, nas que ten unha presenza moi destacada.
Despois dos galardóns acadados nos anos 2016, 2017 e 2018, este cuarto María Moliner, dotado con 2.772,22 euros, avala o traballo que se vén desenvolvendo a Biblioteca Rego da Balsa nos case nove anos que leva aberta ao público. A concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, amosou a satisfacción polo premio e felicitou ao seu antecesor, Marcos Trigo, por deixar tan alto o listón. Das 360 bibliotecas premiadas en toda España só figuran cinco da provincia da Coruña, e unha delas é a de Carballo.