Esta semana deu comezo unha nova actividade promovida polo Centro de Información á Muller de Riveira (CIM) e dirixida a alumnos de ESO denominada “Rec-capacita: Spots reivindicativos”.
Esta nova iniciativa defínese coma un proxecto en materia de coeducación co que se pretende a sensibilización dos e das adolescentes mediante a gravación de tres spots publicitarios reivindicativos que transmitan valores da igualdade, favorecendo a corresponsabilidade e o respecto e erradicando condutas violentas nas relacións persoais .
Mediante este proxecto preténdese ofertar un canal atractivo para a mocidade -o medio audiovisual- para traballar este aspecto da realidade social dende a crítica, o diálogo, o debate e a análise produtiva.
Trátase de que o grupo se implique na rodaxe dun spot con diferentes achegas: ideas para o guión, caracterizacións, slogans, interpretación, etc.
Neste escenario, o Concello de Riveira proponse implicar ao alumnado na resolución das desigualdades de xénero, de xeito que sexan os rapaces e rapazas os que asuman o protagonismo e actúen como axentes dinamizadores do cambio na sociedade. Sensibilizando e documentando a estes rapaces e rapazas, serán capaces de deseñar e realizar varios spots reivindicativos dirixidos a informar e sensibilizar á cidadanía de Riveira sobre a importancia da igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero.
A actividade está enmarcada dentro dun proxecto de coeducación, financiado pola Deputación Provincial da Coruña.