A apertura da bibliopraia coincidiu coa presentación dun novo caderno de pasatempos “A píllara das dunas”, este ano dedicado a Carlos O Xestal
A biblioteca coas mellores vistas do mundo volveu abrir as súas portas na praia de Razo para que, por terceiro ano consecutivo, ademais de tomar o sol, practicar surf, bañarte ou xogar ao voleibol, teñas ao teu alcance a pé de praia os últimos éxitos literarios e un punto de información cultural xestionado polo persoal das Bibliotecas de Carballo.
A Praia dos Libros empezou a funcionar este luns, e ata alí achegáronse o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Aquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e a técnica de Normalización Lingüística, Carmen Pereiro, que aproveitaron para presentar, xunto co persoal da bibliopraia, un novo número do caderno de pasatempos A píllara das dunas, elaborado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e editado polo Concello de Carballo.
Ángeles Pacoret lembrou que A píllara das dunas é “o único caderno de pasatempos en lingua galega que se oferta desde a administración local en lingua”, pero engadiu outra singularidade da revista, xa que se suma á celebración do Ano do Xestal “aproveitando que, no seu momento, compartiron o mesmo espazo vital. Quen sabe se as píllaras daquel tempo escoitaron a Carlos Díaz cantando Apaga o candil ou contando os seus tan coñecidos contos! Este ano _engadiu a concelleira_ a ave e o artista van da man e conversan ao longo das súas 39 páxinas cheas de pasatempos como sopas de letras con palabras de textos de O Xestal, labirintos cos camiños da súa vida, semellanzas e diferenzas, sudokus, catigramas, encrucillados, partidas de barcos, series de números… en fin, toda unha manchea de enredos para todas as idades”.
O caderno de pasatempos estará a disposición de todas as persoas que se acheguen ás nosas praias este verán. Poderán recollelo, de balde, na caseta da Praia dos Libros ou nos postos de salvamento de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal.
Actividades na beira do mar
Ángeles Pacoret explicou que o funcionamento da bibliopraia non varía con respecto ao ano pasado. Conta cunha sección de préstamo, na que se require o carné da Rede de Bibliotecas de Galicia, e outra de bookcrossing, polo tanto de uso libre. Tampouco varían os horarios, que serán de 13.30 a 17.30 no mes de xullo e de 13.30 a 16.30 no de agosto.
Pero A Praia dos Libros non chega soa, senón que ao longo do verán tamén se desenvolverán na beira do mar outras actividades culturais e medioambientais:
• Mércores 12 de xullo, ás 22.30 horas, Take every wave: la vida de Laird Hamil-ton (documental de surf), en Razo.
• Xoves 27 de xullo, A volta a Galicia en 313 concellos, co Mago Antón, en Razo. Sesións ás 13.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas (máximo 70 persoas por sesión). Reservas a partir do 17 de xullo na bibliopraia ou na Biblioteca Rego da Balsa.
• Mércores 9 de agosto, ás 22.00 horas, proxección da película Dios mío, ¿pero qué nos has hecho? na Pedra do Sal (Lema).
• Xoves 24 de agosto, ás 13.00 horas, C@nto conto, con Paco Nogueiras, en Razo.
De xeito paralelo, como lembrou o alcalde, está a desenvolverse o programa de actividades medioambientais Eu quero Razo-Baldaio, impulsado pola Concellaría de Medio Ambiente, Praias e Servizos. Precisamente hoxe comezou a restauración da escultura da píllara de vimbio de Razo, e ao longo desta semana tamén se actuará no arroaz da Pedra do Sal e na nebria das praias do Castrillón, as dúas na parroquia de Lema.