Saturday 23 de November de 2024

Gonzalo Muíños: “É lamentable que persoas e institucións de Santiago merecedoras deste recoñecemento se vexan inmersas en este tipo de polémicas por unha actitude irresponsable da alcaldesa”


Muíños acusa a Sanmartín de manter unha actitude “pouco dialogante” para a organización do acto co que “intenta tapar o seu plantón á ofrenda do Apóstolo”
Desde as filas socialistas aseguran estar a favor dun acto homenaxe pero insiste en facelo noutra data “para que teñan o protagonismo que realmente merecen”

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2023. “É lamentable que persoas e institucións merecedoras deste recoñecemento sexan utilizadas de escudo político e se vexan inmersas en este tipo de polémicas por unha actitude irresponsable da alcaldesa”, son as palabras coas que o portavoz dos socialistas no Pazo de Raxoi afeoulle esta mañá a Goretti Sanmartín que siga adiante cun acto que “non conta con consenso” e co que “intenta tapar o seu plantón á ofrenda do Apóstolo”.

Gonzalo Muíños recordoulle á alcaldesa que como máxima representante das veciñas e veciños de Santiago, “de todos e todas”, é a súa “obriga” asistir a un dos actos “máis relevantes do calendario institucional de Compostela”. De feito Muíño referiuse ás declaracións da mañá do luns nas que a propia Goretti Sanmartín recoñecía que o acto que programa o goberno será “á forza breve” nun día “cargado de actos”, unhas palabras que “recoñecen que o que se está a organizar non é unha homenaxe e un recoñecemento real, senón un parche co que tapar a súa ausencia á ofrenda”.

Os socialistas que aseguran estar a favor de realizar unha homenaxe “por suposto merecida para tantas e tantos picheleiros que fan moito e ben por Compostela”, instan á alcaldesa a “recapacitar” e mover a data dese acto para que “realmente teñan o protagonismo que merecen”.

“Parece que aquí o máis importante é o ego da alcaldesa”

Tal e como figura no Regulamento de títulos, honras e condecoracións do Concello este recoñecemento debería pasar polo Consello Asesor de Condecoracións e o acordo require ademais da maioría absoluta nun pleno extraordinario que debera ser convocado para este fin.

Gonzalo Muíños aféalle a Sanmartín que decida seguir adiante cun acto “que non conta co consenso da xunta de portavoces”: “semella esquecida esa unanimidade necesaria, que tanto defendeu desde a oposición a alcaldesa Goretti, e que inicia este mandato instalada nunha actitude pouco dialogante a pesar de ser un goberno en minoría”.