Friday 22 de November de 2024

Os Axentes ambientais de Galicia imparten un curso para actualizar coñecementos en extinción de lumes forestais


• O alumnado participou nun obradoiro teórico baseado nas leccións aprendidas nos grandes lumes que o ano pasado asolaron Valdeorras e O Courel

A Dirección Xeral de Defensa do Monte xunto coa Asociación de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA) vén de impartir un curso formativo obrigatorio para axentes ambientais en materia de prevención e extinción de lumes forestais. Unha formación na que non só se actualizaron coñecementos senón que mesmo se realizou un obradoiro de leccións aprendidas analizando os lumes que asolaron Valdeorras e O Courel durante o ano pasado.

O curso “Actualización en operacións de extinción de incendios forestais para axentes forestais” foi impartido por integrantes de APRAFOGA no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón-A Coruña) e Monforte de Lemos (Lugo). Durante as oito horas do curso, os axentes forestais actualizaron os seus coñecementos sobre a extinción de lumes forestais, queimas prescritas ou sobre as comunicacións e procedementos no Sistema Estrutural de Mando Operativo (SEMOP) posto en marcha pola Consellería do Medio Rural para a extinción dos lumes forestais clasificándoos pola súa gravidade, grao de complexidade e número de equipos mobilizados. Deste xeito, establécense protocolos determinados para cada situación.

Así mesmo, os axentes forestais coñeceron polo miúdo como empregar aplicacións informáticas aplicadas á xestión dos lumes como, por exemplo, o XeoCodeLite, unha aplicación a través da cal os axentes poden consultar a través dos seus dispositivos móbiles datos como o punto de orixe do lume, a súa evolución, os recursos asignados, os puntos de subministro de auga, as infraestruturas de defensa e cartografía e fotografías da zona.

Finalmente, o alumnado tamén asistiu a un obradoiro práctico no que se analizou todo o aprendido o ano pasado durante a extinción do incendio do Courel, o máis grande da historia en Galicia con máis de 11.000 hectáreas queimadas, e de Valdeorras, onde o lume calcinou unha superficie de 10.500 hectáreas nos montes do Barco, Carballeda e Rubiá.

E tamén se analizou a xestión, cun taller de leccións aprendidas dos lumes de Courel e Valdeorras do ano 2022