“O BNG é a única garantía de defensa dos intereses galegos”, dixo no acto de Rianxo
Anima a exercer un “voto en chave galega” porque “cun BNG determinante no Congreso quen gaña é Galiza”
O portavoz e candidato ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, centrou o seu discurso en Rianxo, onde estivo acompañado polo Portavoz municipal do BNG, Xusto Ordóñez, en convencer de que o BNG é a única forza que verdadeiramente defende os intereses de Galiza. “Queren facernos crer que hai que votar polo bloque de Sánchez ou o bloque de Feijóo e o voto útil en Galiza é o do BNG”, afirmou Néstor Rego.
O candidato do BNG lembrou en Rianxo que na campaña de hai catro anos o lema que máis utilizaban era “se o BNG está, Galiza está” e, no balance da lexislatura, “compróbase claramente que iso foi así, que quen levou os problemas e defendeu os intereses de Galiza en Madrid foi o BNG”.
No outro lado están os partidos estatais que, segundo apuntou, “foron de mans atadas, tan atadas que mesmo votaron en contra de iniciativas básicas para a defensa de Galiza cando os seus partidos daban orde de facelo así”. Rego, neste sentido, enumerou algunhas das propostas do BNG na defensa de intereses galegos que deron co voto en contra dos deputados e deputadas galegas de forzas estatais como iniciativas na mellora e modernización de infraestruturas básicas para o país ou de orzamentos básicos para o desenvolvemento do sector industrial.
Por todo isto, Rego criticou que agora, na campaña, se queira facer crer que a única opción é votar “polo bloque de Sánchez ou polo bloque de Feijóo” cando, como se comprobou nestes case catro anos, “o verdadeiramente útil para Galiza é o BNG, o que defende os intereses e busca solucións para os problemas”.
Apuntou así en Rianxo que cun só deputado, o BNG conseguiu trasladar a Madrid a “verdadeira radiografía dos problemas e dos intereses de Galiza” e activou a axenda galega cando tivo oportunidade de ser determinante para a investituda. “Ese feito demostra dúas cousas, a primeira, que se o BNG é determinante, Galiza gaña. A segunda, que o BNG é garantía de poñer freo á dereita e a ultradereita”, explicou Néstor Rego para concluír que no panorama que se apunta cara o 23X, “cun BNG con peso e que sexa necesario para condicionar o goberno, Galiza ten moito que gañar”.
Para poñer en cifras, Néstor Rego indicou que, cando o BNG foi determinante, conseguíronse máis de 2000 millóns de euros en investimentos para Galiza cando os últimos gobernos reduciron á metade. “Son moitos os indicadores que dan medida do que supón o BNG no Congreso, do que significa ter forza e voz propia en Madrid, por iso é necesario que os galegos e galegas se mobilicen e voten en clave propia, na defensa dos nosos intereses”, sinalou o candidato e portavoz do BNG na pasada lexislatura.
No balance, Néstor Rego informou das máis de 1500 propostas e as máis de 1000 emendas aos orzamentos que constan no rexistro do Congreso e supoñen, un exemplo claro do papel que o BNG desenvolve en Madrid, “facer oír a voz de Galiza e construír a radiografía dos nosos intereses”. Fronte iso, considera que “os 22 deputados e deputadas que chegaron ao Congreso co voto dos galegos e galegas terían que explicar agora os votos en contra a tantas iniciativas de temas que eran claramente necesarios para Galiza e poderían desenvolverse sen problemas mais que decidiron non apoiar”.
Animou, polo tanto, a “votar en clave galega, en clave de país” para que “gañe Galiza cun BNG determinante ,que condicione as votacións e que poda negociar os investimentos que se precisan para solucionar o déficit histórico que padecemos”.