Saturday 16 de November de 2024

Néstor Rego asegura que as máis de 1500 iniciativas do BNG no Congreso son a “radiografía completa” dos problemas e necesidades de Galiza


Insistiu en Noia en que o do BNG é o voto últil neste 23X para defender os intereses galegos

Rosana Pérez dixo que as alcaldías de Ribeira e Muros son exemplos dun BNG que é “o verdadeiro freo da dereita”

Máis de 1500 propostas e máis de 1000 emendas aos orzamentos presentadas polo BNG no Congreso na pasada lexislatura son, segundo o seu portavoz, Néstor Rego, a “radiografía completa” de todos os problemas, urxencias e necesidades que ten Galiza. Por todo isto, o BNG é, segundo dixo o cabeza de lista pola Coruña no mitin de Noia, o “verdadeiro voto útil que defende os intereses galegos”. A número 2 da candidatura, Rosana Pérez, puxo as alcaldías de Ribeira e Muros como exemplo de que o BNG é “quen verdadeiramente frea á dereita”.

“Non houbo un tema de relevancia para Galiza que non chegase ao Congreso a través de iniciativas do BNG. Con todas elas poderiamos facer a radiografía completa dos problemas e os intereses galegos”, sinalou Néstor Rego no mitin que se desenvolveu en Noia e que contou coa participación tamén da número 2 da lista, Rosana Pérez.

Na súa intervención, Néstor Rego insistiu en que o BNG foi, nestes anos, “a verdadeira voz de Galiza en Madrid. Quen defendeu os seus dereitos e buscou solución para os principais problemas que teñen aínda, infelizmente, que depender da vontade dos gobernos de Madrid”. Neste sentido, insistiu en que, grazas ao labor do BNG e a ter sido determinante para a investidura, conseguiuse desbloquear a Axenda Galega e acadar logros que levaban anos sen solución como foi a rebaixa da AP9 coa gratuidade na volta para persoas usuarias asiduas, o recoñecemento da obriga de elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais que se conseguiu cunha emenda á Lei de Pesca, o desenvolvemento de convenios colectivos para a mellora das condicións dos traballadores e traballadoras do mar, resolucións para a continuidade de Alcoa ou para impulsar a diversificación da actividade de Navantia ou para o recoñecemento do 33% de discapacidade de maneira automática no caso de enfermidades neurodexenerativas.

Mais, tamén recoñeceu o candidato nacionalista, o BNG tamén bateu co voto en contra dos deputados e deputadas galegas de forzas estatais que “terían agora que explicar por que bloquearon iniciativas fundamentais para o noso país como a tarifa eléctrica galega que suporía o abaratamento dos recibos de enerxía e o desenvolvemento do sector industrial, o fin da dobre imposición para as persoas emigrantes retornadas ou multitude de iniciativas para a mellora e modernización da nosa rede viaria e ferroviaria que contou coa oposición dos partidos do goberno, PSOE e Unidas Podemos”.

Políticas transformadoras que melloran a vida das persoas

Entre as iniciativas presentadas polo BNG atópanse algunhas que, de maneira especial, buscaban contribuír á mellora da vida da maioría social, políticas transformadoras e de benestar que tamén atoparon o rexeitamento do goberno como incremento da partida para a Lei de Dependencia, a creación de tres xulgados de violencia de xénero en Santiago, Lugo e Ourense, o dereito a voto dos mariñeiros embarcados, a rebaixa do IVE para produtos de 1ª necesidade, facer permanentes os impostos ás enerxéticas e á banca, a recuperación da idade de xubilación aos 65 anos e a eliminación da penalización por xubilación anticipada ou a subida das pensións mínimas para equiparalas ao SME.

O BNG demostrou, segundo Néstor Rego, que “non só era a verdadeira voz de Galiza e defensa dos seus intereses senón a garantía de políticas transformadoras e sociais e de freo á dereita e a ultradeita, como se demostrou ao longo dos catro anos”. Neste sentido, afirmou que “o BNG é o verdadeiro muro de contención do fascismo, un obxectivo básico ao que nos comprometemos non só co noso voto senón tamén coa nosa actuación política na que reclamamos insistentemente no fin da impunidade do franquismo e na defensa de dereitos democráticos que seguen a estar conculcados, por exemplo, por non se ter derrogado a Lei Mordaza como o goberno prometera”.

Pola súa parte, a candidata n.2 pola Coruña, Rosana Pérez, insistiu en pedir o voto para o BNG porque “vale… non só por dous senón por tres… xa que é pon freo á ultradereita, aposta por políticas sociais e defende como ninguén os intereses galegos, como demostrou Néstor Rego neste anos”.

Defendeu Rosana Pérez a necesidade de conseguir un “grupo galego forte que sexa determinante e condicione as políticas con respecto ao noso país” e lembrou que, cando o BNG foi decisivo, conseguiu que se “duplicasen os orzamentos para investimentos en Galiza e, por iso, é necesario que, de novo, volvamos ter a forza en Madrid que este país necesita”.

No día despois da toma de posesión das alcaldías, Rosana Pérez destacou que o alcalde de Ribeira e a alcaldesa de Muros son dous exemplos próximos e recentes de como “o BNG é a mellor maneira de vencer ao PP, de impedir o goberno de dereitas e apostar polo ben da maioría social”.