Friday 22 de November de 2024

Os clientes poden gañar premios interactuando nas redes sociais do Santiago(é)Tapas, que vive a súa última semana


Turkish Airlines e Coca-Cola organizan concursos con distintos premios, como un viaxe a Estambul

A oitava edición do Santiago(é)Tapas, o concurso de petiscos de Compostela, encara a súa derradeira semana e concluirá o domingo 29 de novembro en 69 establecementos da cidade.

A satisfacción entre os participantes é a nota común dun certame que está contando con moitísima afluencia de público e eco nas redes sociais.

Turkish Airlines, colaborador do Santiago(é)Tapas, promove un concurso de fotografías premiado cun billete de ida e volta a Estambul para unha persoa, entre as persoas que interactúan nas redes sociais do concurso ao tempo que degustan unha tapa nalgún dos establecementos participantes.

Para elo, acompañando a imaxe, no twitter deberán usar o enunciado “De (nome do local no que están petiscando) a (nome dun destino de Turkish Airlines) con @santiagoetapas e @TK_ESP #SANTIAGOETAPAS2015. No Instagram, o enunciado é “De (nome do local no que están petiscando) a (nome dun destino de Turkish Airlines) con @santiagoetapas e @turkishairlines #santiagoetapas2015. E, no facebook, coa mesma etiqueta, deben seguirse as instrucións na páxina oficial do concurso (fb.com/santiagoetapas).

Ademais, segue aberto o concurso de Coca Cola Iberian Partners con premios directos ás imaxes con máis chispa, máis simpática e máis creativa.

Para participar, os concursantes deberán facer unha fotografía na que apareza calquera das 4 botellas de Coca-Cola “Contour” (Normal, Zero, Light ou Zero-Zero) aberta, xunto a un dos petiscos participantes no Santiago(é)Tapas.

A imaxe deberá ser compartida a través das redes sociais: Instagram, Twitter ou na páxina oficial do concurso en Facebook (fb.com/santiagoetapas). É imprescindible incluír na publicación a etiqueta #santiagoetapas2015 xunto a @ZonaCocaCola e o nome do establecemento no que se efectúa o consumo.

Unha das novidades desta edición do Santiago(é)Tapas é a importancia que se lle quere prestar aos produtos galegos de calidade, con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida. Todas as tapas deben contar con algún deles entre os seus ingredientes.

Tamén segue en marcha Santiago(é)Noite, a oferta complementaria de hostalaría nocturna con creacións exclusivas a un prezo único de 3,5 euros para aqueles clientes que mostren o seu tapasporte nos establecementos. Toman parte: Atlántico, Hervor & Fervor, Medusa, La Flor, O Boneco, The Seafood Bar e Zum Zum – La Cava de Saint James.

Premios do Santiago(é)Tapas 2015

Nove son os galardóns que se entregarán na oitava edición do Santiago(é)Tapas.

O gañador do Premio do Xurado á mellor tapa recibirá un diploma e 500 euros.

Os visitantes aos locais determinarán cos seus votos os tres premiados na categoría de Tapa do Público ´15, que contan con diploma e contías de 1.000, 800 e 500 euros; o premio (É)xcelente 2015 ao mellor servizo e experiencia global, dotado con 500 euros e diploma; e máis o premio á “Tapa con máis chispa”, creación máis simpática e orixinal, promovido por Coca Cola Iberian Partners e que ten de premio 30 caixas de produto.

Nesta edición do Santiago(é)Tapas tamén hai tres galardóns ás creacións que mellor maridan con cervexa, promovidos dende Estrella Galicia. O Premio do Xurado á tapa que mellor marida con cervexa conta con 500 euros en produto e diploma; o Primeiro e o Segundo Premio do Público á tapa que mellor marida con cervexa levarán diploma e 100 euros en produto.

Existe un acordo de colaboración con Renfe polo cal os visitantes que se acheguen a Compostela en Alvia – Longa Distancia, por mor do Santiago(é)Tapas ou Cineuropa, poderán gozar dun desconto dun 30% no prezo dos seus billetes entre os días 17 e 25 de novembro.

Santiago(é)Tapas está coorganizado por Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela. Conta co patrocinio do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Cash Record e Coca Cola; a colaboración especial de Estrella Galicia e Turkish Airlines.