Friday 22 de November de 2024

Leilía serán as pregoeiras das Festas do Apóstolo 2023 que arrancarán o vindeiro 20 de xullo


A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada pola pandeireteira Montse Rivera e o técnico do Concello, Suso Amado, presentou esta mañá o programa deste ano das Festas do Apóstolo que arrancarán o vindeiro xoves 20 de xullo cun pregón a cargo do mítico grupo Leilía. The Original Wailers, Sarah Mccoy, Angel Stanich, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre ou Cimafunk, son algúns dos artistas que encherán de boa música as prazas da cidade, nunhas Festas nas que non faltará tampouco o folclore, orquestras, circo, danza, cabezudos, alboradas…e por suposto os tradicionais espectáculos pirotécnicos o 24 e o 31 que completan o programa desta edición. Ademais, as populares atraccións estarán na Alameda entre o 17 e o 31 de xullo, e este ano amplíase o horario inclusivo sen ruído a tres días, para que poidan ser accesibles a todas as persoas.

Do 20 ao 31 de xullo Santiago acollerá unha nova edición das Festas do Apóstolo das que a concelleira salientou a escolla de Leilía como pregoeirais polo “seu arraigo na cidade” como “parte do patrimonio musical, e polo tanto cultural, de Compostela e polo seu papel como “pioneiras na recollida e posta en valor dunha tradición oral e musical baseada nas xuntanzas que facían as mulleres para se divertiren nas aldeas galegas”. As integrantes de Leilía, Montse Rivera, Felisa Segade, Merchi Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez serán as encargadas de dar a benvida a edición 2023 das Festas coa lectura do pregón desde o balcón do Pazo de Raxoi o vindeiro xoves 20 ás 22:00 horas.

Pola súa banda, Montse Rivera, pandeireteira do grupo Leilía, confirmou, no nome de todo o grupo, que aceptan “encantadas” a proposta a pesares de sentir “a vértixe de responsabilidade”, e expresou o seu agradecemento por este “recoñecemento á nosa traxectoria pero tamén á tradición oral do noso País, a todas as persoas, a maior parte mulleres que gardaron na súa memoria esas coplas, cantigas e melodías, e queviviron o esquecemento e o menosprezo”.

Grandes concertos na Quintana

Os grandes concertos celebraranse unha vez máis nas prazas do Obradoiro e da Quintana, comezando pola mesma noite do pregón, cando actuará The Original Wailers. Outros nomes que pasarán pola Quintana son Sarah Mccoy (venres 21), Angel Stanich (domingo 23) ou Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre (luns 24), Cimafunk (martes 25), Tito Ramírez (mércores 26), Verónica Codesal (domingo 30) Xurxo Fernandes (domingo 30) e Bratzantifa Pongo (luns 31).

Tampouco faltarán na Quintana dúas citas que xa son tradicionais: o concerto da Banda Municipal, que nesta ocasión estará acompañada pola Europeiska Orkiestra, o xoves 27 e o concerto da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Baldur Brönnimann, o venres 28.

Outras citas que acollerá a Quintana serán o Xacobeo Clarinet Fest, o sábado 22, e unha mostra e obradoiros de danza urbana na mañá do domingo 23. Ao longo da xornada do sábado 29 terá lugar a segunda edición da Feira do Vestir “de onte a hoxe”, con obradoiros, pasarelas e actividades para a cativada, no marco do programa do Día do Traxe Galego, que segundo anunciou Pilar Lueiro, será presentado nunha rolda de prensa específica.

Concertos no parque de Galeras

O parque de Galeras acollerá un ano máis un ciclo de oito concertos para todos os gustos por onde pasarán artistas como L.A. (sábado 22), Lucía Aldao (domingo 23), Anxo Araújo (luns 24), Seso Durán (25 xullo), Catuxa Solom (mércores 26), The Rapants ( venres 28 ), Sila Lúa (sábado 29) e Apart (domingo 30).

A praza de Mazarelos tamén servirá de escenario para varias citas musicais: Amaltea, o chelista Jorge Suárez, ganador do XIII Concurso Peregrinos Musicais, os ensembles 4 estacións de Vivaldi e CSG, Micha Zemtsove e Ilona Timchenko e Proxecto Lorca.

A concelleira tamén salientou “unha grande presenza de danza” no programa, con figuras como Óscar Cobos, o espectáculo de Endaterra da Asociación Cultural Xacarandaina, as Xornadas do Folclore ou a proposta de Danza Itinerante.

Non faltarán citas tradicionais do Apóstolo, como o XLV Torneo de chave, o día de Traxe Galego, o Día de Padrón, as orquestras na Alameda ou as populares atraccións, que estarán na Alameda ata o 31 de xullo; e por suposto as tradicionais alboradas, a comparsa de cabezudos que percorrerá as rúas da cidade histórica na mañá do Día do Apóstolo e os Fogos do Apóstolo, as noites do 24 e 31 que “presentaremos noutra rolda de prensa con máis detalle”.

Tamén volver un ano máis o TRAD FEST, que se desenvolverá ao longo do domingo 30 no parque de Bonaval eo festival Dron Gaelic GP Mundial, que reunirá o sábado 22 no parque de Belvís, 28 pilotos de Estados Unidos, Serbia, Corea, Italia, Francia e España.

Pilar Lueiro tamén anunciou que a tradicional Festa do Escalo de Chaián adiantarase nesta ocasión ao 16 de xullo, debido á celebración das Eleccións Xerais o domingo 23.

Puntos Lila

A concelleira recordou que haberá dous Puntos Lila de información e acompañamento sobre violencias sexuais, a disposición de todas as persoas que se acheguen á cidade ou participen nos festexos. A caseta lila da Alameda estará aberta todos os días dende o 20 ao 31 de xullo entre as 20:00 e a 01:00 horas. Este ano tamén sumarase un Punto Lila no parque de Galeras, que estará aberto entre o 22 e o 29 de xullo, en horario de 19:30 a 22:30 horas.

A edila tamén recalcou a ampliación esta ano do horario inclusivo sen ruído nas atraccións a tres días, en concreto o 22, 28 e 29 de xullo, en horario de 17:00 a 19:00 horas, respondendo á demanda de varios colectivos da cidade, “xa que de non ser así, as persoas autistas non poderán participar”.

O programa completo está dispoñible na web do Concello.