Julio García Comesaña confirmoulle a Roberto Rey que a praza de médico de Ponte Carreira sairá a concurso en outubro
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro Marzoa, mantiveron unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Neste encontro asinaron un convenio de colaboración por máis de 48.000 euros para levar a cabo as obras de renovación integral da cuberta do centro de saúde de Ponte Carreira, e a substitución dos toldos e impermeabilización da cuberta do consultorio de Abellá, e aproveitaron para trasladarlle a situación destas instalacións tras a xubilación do médico de Ponte Carreira e cobertura das comisións especiais da médica de Abellá.
Roberto Rey explica que “o convenio asinado hoxe permitirá cambiar a cuberta do centro de saúde de Ponte Carreira e impermeabilizar a cuberta exterior na zona de acceso do consultorio de Abellá, polo que acabaremos coas filtracións de auga da chuvia por este motivo”. Así, a maior parte dos 48.000 euros asinados hoxe servirán para levantar a actual cuberta do centro de saúde de Ponte Carreira, composta por chapas de aceiro, que será substituída por outra cuberta de placas de policarbonato translúcidas e paneis sándwich illantes de aceiro.
Así, o local gañará tanto en mellora do seu illamento como nun incremento da luminosidade dun 90%. A maiores derrubarase un peto de fábrica de ladrillo que rodea o edificio e que será substituído por auténticos canalóns para a recollida das augas pluviais, con baixantes e rebosadeiros, o que evitará filtracións da auga da chuvia ao interior das instalacións.
No caso do consultorio de Abellá, a actuación suporá a substitución dos toldos existentes por uns novos monobloc con brazo extensible de ancoraxe variable, con lona acrílica e acondicionamento motorizado e tamén levarase a cabo a impermeabilización da cuberta exterior na zona de acceso mediante a execución dunha cuberta plana non transitable, non ventilada, e autoprotexida de tipo convencional. A maiores, mellorarase o illamento térmico e a impermeabilización do consultorio.
No acto de sinatura, no que estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, pola xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez e pola directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, o conselleiro agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar ambos convenios, con tempo suficiente para que se poidan licitar as obras e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes contarán cuns centros de saúde mellores e máis confortables.
Cubrición da praza de médico
Roberto Rey e Manuel Ferreiro aproveitaron tamén a entrevista para tratar sobre a cobertura da praza do médico recentemente xubilado no centro de saúde de Ponte Carreira, Juan López Villasente, así como a situación da praza da médica Ana María Gutiérrez, do consultorio de Abellá, declarada en servizos especiais e que despois collerá as súas vacacións.
“O conselleiro garantiunos que a praza de Don Juan cubrirase en outubro, co correspondente concurso público, e asegurounos que enviará persoal durante o verán para cubrir tanto a baixa de Son Juan como as vacacións de Dona Ana en Abellá”, sinala Rey Martínez. “O conselleiro tamén nos comentou que ofreceron a praza a persoas que acaban de rematar o MIR por se lles podía ser de interese unha interinidade temporal pero que non houbo solicitudes”, apunta o alcalde de Frades, quen lle trasladou a necesidade de “contar cun servizo médico suficiente e que preste un servizo de calidade e o máis rápido posible aos veciños e veciñas de Frades”.
Colaboración cos concellos
A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal. No orzamento para o 2023 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida –un 8%-. En particular, o Concello de Frades recibiu no 2022 a cantidade de 15.629 euros para financiar o mantemento das instalacións sanitarias. Con isto, a Xunta ten destinado desde 2017 máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.
Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 113 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 5 que están actualmente en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia, Porriño e CIS Olimpia Valencia en Vigo). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de A Covada (Oleiros), Espasante (Ortigueira), Vilarmaior, Agualada (Coristanco), Novo Mesoiro (A Coruña), Sigüeiro (Oroso), As Somozas, O Temple (Cambre), Buño (Malpica), Galeras (Santiago), Villarodís (Arteixo), O Portádego (Culleredo), A Capela, Ares, A Laracha, Milladoiro (Ames), Melide e Narón e reformáronse os de Cambre, Padrón, Serantes (Ferrol), Ortigueira, As Pontes, Mugardos ou Bertamiráns (Ames). Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Así durante esta lexislatura, a Xunta achegou 1,2 millóns de euros para 35 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto.