Friday 22 de November de 2024

Riveira busca novos fondos en Europa para para proseguir o seu programa de desenvolvemento urbano sostible ata 2020


O proxecto denominarase + Riveira Atlántica 2020

O alcalde de Riveira, Manuel Ruiz Rivas, anunciou no día de hoxe que o Concello concorrerá ás axudas inscritas no programa FEDER de crecemento sostible 2014-2020 cun novo proxecto denominado + Riveira Atlántica 2020: un plan que, dando continuidade ás actuacións implementadas co Riveira Atlántica 2015, está destinado a definir as actuacións a acometer no municipio nos vindeiros 4 anos en materia de desenvolvemento urbano, eficiencia enerxética, mobilidade, TIC e política social.

A nova convocatoria de fondos FEDER foi anunciada polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas o pasado día 17, correspondéndolle a Galicia un total de 108 millóns de euros, dos cales 83 millóns outorgaranse nunha primeira fase na que se vai presentar o Concello.

Ata 5 millóns de euros
Riveira postularase na categorías de máis de 20.000 habitantes. Os proxectos que resulten seleccionados poderán estar subvencionados ata un máximo do 80%, tendo que asumir o 20% restante a administración solicitante. A cantidade máxima que se pode obter en fondos europeos son 5 millóns de euros.

O novo proxecto enmárcase dentro dunha Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado que busca responder a cinco retos considerados como prioritarios pola Unión Europea: política social, medio ambiente, clima, demografía e economía.

As actuacións resultantes da estratexia deben estar encadradas nalgún destes catro obxectivos temáticos: mellorar o uso e a calidade das TIC, economía baixa en carbono, conservación e protección do medio ambiente e promoción da eficiencia dos recursos, e inclusión social e loita contra a pobreza.

Como liña de traballo á hora de concretar o proxecto riveirense, dende o Concello quérese incidir na participación cidadá a través de tres formas de colaboración. En primeiro lugar, dende mañá mesmo estará habilitada na páxina web do Concello (www.riveira.es / www.riveira.gal) o enlace a un cuestionario a través do cal calquera cidadán que estea interesado poida contribuir no que resta deste mes a definir e priorizar as actuacións máis necesarias e importantes [podedes ver o cuestionario neste enlace provisional http://www.vitic.es/riveira2020/].

Unha segunda liña de colaboración será a convocatoria dunha reunión intersectorial con axentes sociais, económicos e políticos da cidade para identificar as cuestións e actuacións que sexan prioritarias, en tanto que a posteriori celebraranse mesas sectoriais divididas por temáticas.

O 13 de xaneiro é o último día para a presentación de solicitudes de fondos FEDER.

O municipe local subliñou que o Concello de Riveira leva moito tempo traballando en políticas de desenvolvemento urbano sostible e que “Administracións como a o do Estado saben que este Concello pode facer un bo uso dos fondos europeos”. Neste senso, lembrou que o grao de execución do Riveira Atlántica 2015 (un proxecto de máis de 7 millóns de euros) foi do 99%.