O portavoz dos socialistas en Raxoi recalcou que coa repartición de áreas “poñémonos en funcionamento para seguir escoitando a cada veciño, a cada colectivo e a cada persoa que atopará no noso grupo unha ferramenta para canalizar as súas inquedanzas”.
“Toca escoitar, volver a ilusionar e, sobre todo, seguir traballando arreo coa veciñanza de Santiago como única prioridade” destaca Gonzalo Muíños que anunciou esta mañá o reparto de áreas do novo Grupo Municipal Socialista. O portavoz do grupo en Raxoi destacou que con este reparto buscan ser “útiles” ofrecendo á veciñanza “unha canle e un interlocutor directo para resolver as súas inquedanzas e dar resposta aos seus problemas”.
Muíños destacou que “desde hoxe comezamos a construír un proxecto novo, sendo consecuentes cos compromisos adquiridos coa veciñanza que nos apoiou nas pasadas eleccións”. Así, o voceiro dos socialistas recalcou que o papel do grupo na oposición será “útil e non obstrucionista, como fixeron outros nos últimos anos” garantindo que “o noso modelo de cidade amable, pensada para os veciños e veciñas, interxeracional e sostible ten continuidade nos proxectos que deixamos no pasado mandato”.
Destaca como exemplo a Xunta de Goberno local deste mesmo luns na que se aprobaron as obras por máis de 1,3 millóns de euros, entre as que se encontra a reurbanización de García Lorca, en Vite; pavimentacións en Aradas (A Peregrina) e Coira (Laraño); as obras de recuperación do Campus Sur, ou a construción do Espazo Interxeracional de Sar: “a herdanza que deixamos para o novo goberno é de grandes proxectos que melloran a calidade de vida dos e das veciñas de Santiago, proxectos que foron consensuados coa veciñanza e que responden ás súas necesidades, e o noso traballo será estar vixiantes para que salgan adiante, se lle de continuidade, e evitar unha parálise da cidade como xa se viviu en mandatos anteriores”.
Gonzalo Muíños deu a coñecer ademais o reparto de áreas e competencias entre as e os concelleiros electos do PSdeG:
Gonzalo Muíños. Asume a portavocía do grupo e as áreas de Obras, Barrios, Medio Rural, Mobilidade, Seguridade Cidadá, Relacións Veciñais, Festas e Deportes.
Mercedes Rosón. Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural, Igualdade e Centros Socioculturais.
Mila Castro. Medio Ambiente, Parques e Xardíns, Servizos básicos, Comercio, Promoción Económica e Emprego.
Sindo Guinarte. Relacións Institucionais, Memoria Histórica e Turismo.
Marta Abal. Educación, Mocidade, Economía, Facenda, Persoal e Réxime Interior e Modernización da Administración.
Marta Álvarez. Políticas Sociais, Diversidade, Economía Social, Maiores, Saúde, Cooperación ao desenvolvemento e UMAD.