Friday 22 de November de 2024

O campamento de verán, que se realiza nesta semana, conta con 47 participantes


Ademais das actividades en Caión, o programa inclúe visitas ao aquapark de Cerceda e ao centro de turismo ecuestre O Ventoso.

Nesta semana estase a realizar o campamento de verán organizado polo Concello. Participan 47 rapaces de idades comprendidas entre os 7 e os 9 anos. A maior parte das actividades lévanse a cabo en Caión.

Cada día o autobús cos rapaces e os monitores sae da praza do Concello ás 10:00 horas e regresa ás 18:00. A parada para o xantar nas instalacións do centro sociocomunitario é ás 14:00.
O luns, na primeira xornada do campamento, os rapaces fixeron un obradoiro de cociña e tamén estiveron xogando con distintos xogos xigantes (3 en 1, twister, mikado…). No día de onte a xornada desenvolveuse integramente no aquapark de Cerceda.

Hoxe pola mañá realizaron xogos na praia e pola tarde practicarán kaiak e padel surf.
A xornada de mañá xoves será íntegra no centro de turismo ecuestre O Ventoso de Erboedo. O venres despedirán a actividade con distintos xogos, festa de polvos de colores e desfrutando con inchables de auga e a festa da escuma.

Todos os anos o Concello aposta por celebrar estes campamentos no marco do programa cultural e deportivo de verán aproveitando as instalacións municipais existentes en Caión e as características da vila, que permiten organizar un amplo abano de actividades nesta época do ano. Ademais de ofrecer ao nenos a posibilidade de divertirse practicando deporte e realizando actividades de tipo educativo, os campamentos son tamén unha importante axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais durante as vacacións nos centros de ensino.

A vindeira semana levarase a cabo a segunda quenda do campamento, neste caso dirixida a nenos e nenas de 10 a 12 anos. As prazas xa están agotadas.